A poboación activa entre os menores de 55 anos descendeu en Galiza en 17.600 persoas no último trimestre de 2015

Os datos da EPA amosan que a temporalidade medrou case un punto e medio neste período
Vigo - 28 Xan 2016
A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do último trimestre de 2015 amosa un descenso de 17.600 persoas entre os menores de 55 anos no noso país, caída que se mantén a pesar do incremento da ocupación a causa da perda de poboación e do avellentamento da mesma. Ademais, os datos revelan que a maioría dos novos/as ocupados/as teñen un contrato temporal, cuxa taxa medrou en preto dun punto e medio neste período.

As cifras dadas a coñecer polo Instituto Nacional de Estatística (INE) a través da EPA do cuarto trimestre de 2015 deitan luces e sombras sobre a situación laboral en Galiza; a sombra que máis escurece o mercado de traballo continúa a ser a perda de poboación activa, xa que no último ano perdéronse 9100 activos/as (6700 no último trimestre); pero a perda foi superior entre os menores de 55, onde o descenso acadou as 17.600 persoas. O medre da poboación activa de máis de 55 anos compensou en parte este descenso, pero agrava o outro gran problema da sociedade galega: o envellecemento da poboación.

A poboación ocupada incrementouse un 3,2% en termos interanuais (32.100 novos/as ocupados/as) e descendeu un 0,6% no último trimestre. No noso país, a pesar da evolución positiva xeral, a provincia de Ourense continúa a perder emprego.

Aínda que en termos relativos que máis aumentou foron os ocupados/as como “autónomos”, un 5,2%, en termos absolutos foron os asalariados/as; os novos/as asalariados/as entraron no mercado de traballo maioritariamente a través dun contrato temporal, polo que a taxa de temporalidade aumentou do 24,1% no último trimestre do ano 2014 ao 25,5% a finais de 2015 .

A nivel sectorial, no último ano repuntou a ocupación en todos sectores; cabe destacar a evolución da ocupación na construción, xa que non só tivo un comportamento positivo o nivel interanual, senón tamén intertrimestral.

A taxa de paro sitúase no 17,7%, 3,2 puntos menos que no cuarto trimestre de 2014, descenso ao que contribúe a caída da poboación activa. Son 222.700 os parados/as estimados en Galiza no último trimestre do ano 2015 (no último trimestre non se produciron variacións). A pesar deste descenso non debemos esquecer que o 45% dos parados/as levan máis de dous anos nesta situación, e polo tanto xa sen dereito a percibir a prestación contributiva do SEPE, o que os sitúa nunha situación de extrema necesidade.

Estímase que a finais de 2015 son 75.100 os fogares con algún activo/a e no que todos/as están parados/as.

Incremento da temporalidade

Dende a CIG amosan a súa preocupación porque a pesar do incremento da ocupación se mantén a caída da poboación activa entre os máis novos, agravada non só pola perda da poboación senón tamén polo envellecemento da mesma.

Na central entenden que o medre da ocupación pode deberse a unha situación conxuntural, xa que o maior incremento prodúcese entre os asalariados/as con contrato temporal: a taxa de temporalidade aumentou preto dun punto e medio neste período.

Segundo indica o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, os datos da EPA volven amosar o fracaso das políticas económicas do Goberno español do PP e das sucesivas reformas laborais, que non fixeron máis profundizar na perda de dereitos laborais da clase traballadora e nunha maior precarización do mercado de traballo.

EPA IV TRIMESTRE 2015

Principais variables

 

Datos trimestre

Variación

Trimestral

Interanual

(miles de persoas)

(%)

(miles de persoas)

(%)

Poboación de 16 ou máis anos

2.353,80

-3,5

-0,1

-10,7

-0,5

Activos

1.255,20

-6,7

-0,5

-9,1

-0,7

Poboación ocupada

1.032,50

-6,5

-0,6

32,1

3,2

Poboación parada

222,7

-0,1

0

-41,1

-15,6

Inactivos

1.098,60

3,2

0,3

-1,6

0

Fonte: EPA. INE