A persoal da CRTVG chega as 32 xornadas de folga coa caída de programas tanto na Radio como na TVG e previsiblemente do Luar

Concentráronse na Praza do Toural para manifestar o seu rexeitamento á externalización da produción e a manipulación informativa
Nacional - 13 Dec 2024

Traballadoras e traballadores da CRTVG concentráronse esta mañá na Praza do Toural, coincidindo coa 32 xornada de folga, para denunciar a externalización, privatización e desmantelamento da produción propia e a manipulación informativa nos medios públicos da radio e televisión de Galiza.

Unha xornada na que quedaron as redaccións baleiras e conseguiron que non se emitiran programas como o Diario Cultural; o Galicia por Diante, que tiveron que substituír das 10:00 até as 14:00 horas por programación alternativa e, de madrugada, o Pensando en Ti. Ademais agardaban que Todo Deportes, da Radio Galega, caera tamén.

Xunto a isto, na TVG caeron ademais o Zig Zag; a sección de Deportes, na que parou toda a redacción; O Termómetro; a sección do Tempo dos servizos informativos e, á espera de confirmarse, todo parece indicar que farían caer tamén a emisión de Luar desta noite que, de ser así, será previsiblemente substituído por programación enlatada.

Loita pola liberdade de expresión

Foi Tereixa Navaza quen lle puxo voz á denuncia do persoal, pedindo un recoñecemento pola loita que están a desenvolver, que vai máis alá da cuestión laboral, pulando pola liberdade de expresión. “Este país necesita urxentemente un cambio”, dixo, e “fronte ao desencanto, ao conformismo, indiferenza e inacción vós denunciades os abusos de poder e do poder”.

Navaza clamou pola “necesidade desesperada de facer información veraz, plural, non furtada, nin manipulada”. E asegurou que “a nosa profesión non pode ser neutral cando se conculcan a regras democráticas”.

Augurou unha solución “contra a contaminación informativa, a nai de todas as contaminacións” e afirmou que “o Director Xeral é un espello tras do que só hai miseria e escuridade”.

Denunciou os centos de miles de euros que destina o goberno a facerse propaganda nos medios privados e exixiu cambios ante a esmagadora censura informativa que hai, porque “as persoas seguen dicindo que non saben absolutamente nada de que levades dous meses en folga, seis anos de venres negros, porque non se informa, que temos que ir boca a boca, pero chegaremos a todos os recunchos”.

Tereixa Navaza rematou cun pequeno poema do poeta peruano, César Vallejo. “Ande por onde ande,/ eu non deixo de saber a que terra pertenzo,/ se a levo posta, se camiño con ela, se son ela” e concluíu dirixíndose a todas as persoas presentes e afirmando que “vós sodes esta terra, sodes Galiza, sodes a dignidade, sodes as e os defensores da liberdade de expresión”.