A perda de poboación activa en Galiza segue medrando de forma imparábel
Fran Cartelle, secretario confederal de Emprego, considera que os datos da EPA do IV Trimestre veñen corroborar o diagnóstico que mes tras mes ou trimestre tras trimestre vén facendo a CIG respecto da crítica situación na que se atopa o mercado laboral en Galiza. “Novamente indican que temos un grave problema de creación de emprego neste país e un deterioro das condicións de traballo cun aumento brutal da precarización das condicións de traballo”.
Os datos da EPA constatan, de feito, que a perda de poboación activa é unha constante independentemente de que se cree ou destrúa emprego. De feito, neste último ano, perdéronse un total de 2.400 persoas activas. Unha cifra que no último trimestre acadou as 7.500 persoas.
O número de persoas desempregadas sitúase en 145.800, un 1,6% máis que no trimestre anterior, aínda que un 12,1 menos que respecto do mesmo trimestre do ano anterior.
En todo caso, e atendendo aos datos interanuais, Cartelle chama a atención sobre o feito de que, no último ano, “apenas houbo incremento da taxa de ocupación, que foi menor ao 1%” o que entende que é un bo indicador das “dificultades enormes para crear emprego e xa non digamos de emprego de calidade”, unha situación que atribúe “á falta dunha política industrial real por parte da Xuta de Galiza que é quen ten as competencias nesa materia”.
A cifra é máis preocupante se temos en conta os datos do último trimestre xa que se reduciu a poboación ocupada en 9.700 persoas, das clase tan só 2.300 pasaron a engrosar a lista de desempregadas.
Se ben na media anual reduciuse a poboación parada en 20.000 persoas, o certo é que no último trimestre só medrou o número de persoas ocupadas na Pesca e na Construción. Porén, a maior caída estímase no sector Servizos, con 6.100 persoas ocupadas menos.
Ademais, atendendo ás características do emprego destruído, este correspondeuse maioritariamente con persoas con contrato temporal e a xornada completa, o que dá idea da enorme volatilidade do mercado laboral, no que a temporalidade é alarmante.
Terciarización da economía, precarización do mercado laboral
Neste sentido, o secretario confederal de Emprego denuncia que “a política económica do PP limítase e encomendarse ao apóstolo e ter un bo Xacobeo” desatendendo outro modelo económico “baseado nos sectores produtivos, no sector industrial”. Advirte de que, así, “abócase ao mercado laboral á súa terciarización”. Por iso alerta do erro de “pensar que a través do turismo, do sector servizos, pode avanzar unha sociedade”.
Fronte a isto afirma que esa terciarización “o único que provoca é traballo precario e ningún país que se considere serio non pode basear a súa economía e o seu avance social nunhas políticas que condicionen o crecemento económico e a creación de emprego no sector Servizos”.
Salienta ademais que en Galiza estamos nun crecemento da ocupación, respecto do mesmo trimestre do ano pasado, “practicamente por debaixo da metade do que medrou na media Estado español o que ten bastante que ver tamén coa incapacidade do goberno da Xunta e cos danos perniciosos que está tendo as últimas reformas no noso mercado de traballo”.
Risco de exclusión social
Fran Cartelle advirte tamén doutro dato preocupante: o medre de fogares con polo menos unha persoa activa e na que todas están paradas, xa que no último trimestre aumentou ata os 52.300 fogares fronte aos 50.100 do trimestre anterior. “Iso tamén é un signo do empobrecemento da clase traballadora e da falta cobertura que tería que haber, parella ao crecemento económico que se espera para este ano no estado español. Iso xunto ao preocupante descenso dos salarios e a consolidación da figura do traballador ou traballadora pobre aumenta aínda máis o risco de exclusión social”. Ademais denuncia que siga medrando a pobreza cando se agarda un medre do PIB do 2%.
Neste contexto, o secretario confederal de Emprego fai un chamamento ás mobilizacións que a CIG ten convocadas, para o vindeiro xoves día 30 de xaneiro, en todas as comarcas, ante a situación de emerxencia nacional e social que vivimos en Galiza, para exixir a derrogación das reformas antiobreiras e cambios reais nas políticas que nos permitan recuperar os dereitos roubados e vivir e traballar dignamente na nosa Terra.