A patronal provincial disposta, por primeira vez, a falar da inclusión dos acordos das auxiliares no convenio
Un paso adiante. Así se podería resumir a xuntanza deste martes entre as organizacións sindicais e a patronal provincial do metal para abordar a incorporación dos acordos das auxiliares de Navantia no convenio do metal da Coruña. Na reunión (que conta coa mediación Consello Galego de Relacións Laborais), a patronal, por primeira vez, amosou disposición a falar dos detalles e da fórmula de inclusión dos acordos aos que se chegue na Mesa do Naval de Ferrol.
"Por primeira vez non saímos cunha negativa", subliñaban ao remate da xuntanza os representantes das centrais sindicais, que adiantaron que as conversas continuarán o vindeiro 17 de outubro, en Compostela. Para esa data, explican dende CIG-Industria, a patronal provincial pediu que se perfilen e concreten unha serie de cuestións "que os sindicatos teremos que negociar e pactar cos empresarios da Mesa do Naval de Ferrol, para poder presentar así unha proposta definitiva sobre como incluír os acordos no convenio" e dotalos de eficacia normativa.
Convocatoria da Mesa do Naval
Para avanzar o máis axiña posíbel, as organizacións sindicais van convocar as empresas auxiliares a unha xuntanza para este mesmo xoves pola mañá, na que tratarán de pór en común solucións ás demandas da patronal sobre temas como a vixencia, consolidación, o ámbito de aplicación ou a definición das categorías e os grupos profesionais.
"É moito o que nos queda por traballar e discutir, pero por primeira vez, a patronal provincial non se presentou cunha negativa rotunda e pechada a falar sobre a incorporación dos acordos no convenio. Este é un paso adiante e seguiremos pelexando para lograr que se recoñezan os dereitos dos traballadores e das traballadoras as auxiliares do naval".