A patronal das antigas caixas pretende aproveitar a crise sanitaria para impor recortes que agravan a fenda salarial que sofren as traballadoras
A CIG-Banca denuncia que a patronal das antigas caixas de aforros (CECA) pretende aproveitar a crise provocada pola pandemia da Covid19 para recortar dereitos laborais, principalmente ás traballadoras, que xa sofren unha discriminación en materia de carreira profesional e polo tanto de salarios. A Federación da CIG elaborou un informe do impacto en materia de igualdade das propostas da CECA para o novo convenio -que agravan a actual fenda salarial que existe no sector-, e adianta que xa está valorando a convocatoria de mobilizacións para dar resposta a estes recortes machistas.
Logo de 18 meses para a negociación do Convenio de Aforro, as direccións de Abanca, Caixabank, Bankia, Kutxabank, Unicaja, Ibercaja, Liberbank, Caixa Ontenyent, Caixa Pollença e Cecabank (entidades que integran a CECA) propoñen eliminar os postos máis feminizados como o de subdirección, que actualmente constitúe o teito de cristal na carreira profesional das traballadoras. Aínda que estes son postos de igual valor que os de dirección (ao pedírense os mesmos requirimentos de formación obrigatoria e, polo tanto, mesma tipoloxía de carteiras de clientela e de produtos a colocar), "os salarios que perciben as traballadoras son moi inferiores ás dos seus compañeiros en cargos de dirección, xa que ademais pola estrutura sectorial e das empresas existen complementos de posto".
Atrancos á carreira profesional das mulleres
A Federación de Banca da CIG explica que as entidades crearon postos de xestión comercial, que son postos feminizados, non regulados no convenio e con niveis salariais inferiores aos postos das subdirectoras. Coa pretensión de eliminar agora as subdireccións, "o novo teito de cristal nestas entidades serían os postos de xestión comercial". Xunto a isto, a CECA pretende que cando unha persoa sexa cesada perda o nivel salarial anterior, polo que a súa proposta de desaparición das subdireccións levaría a unha reclasificación á baixa das compañeiras.
A este retallo, súmase que a patronal das antigas caixas quere introducir recortes na carreira profesional por experiencia, que vai dos niveis XIV ao VIII e son os que perciben a maioría das traballadoras. De feito, CIG-Banca salienta que a carreira profesional afecta a 15.473 mulleres (64,73%) e a 8.429 homes (35,26%), "polo que un recorte nesta retribución impacta fundamentalmente nos salarios das traballadoras".
Hai que subliñar tamén que os niveis más masculinizados perciben trienios, en tanto que nos postos feminizados do nivel VIII ao XIV, non se perciben trienios.
Non cómpre perder de vista tampouco que os bancos asociados á CECA propoñen introducir un criterio subxectivo no ascenso por experiencia, requirindo o informe de un/unha superior, "cando hai un nesgo de xénero nas políticas laborais, como demostra a escasa presenza das mulleres nos postos de libre designación, de xeito maioritario cubertos por homes".
Afondar na flexibilización horaria
En canto á flexibilización horaria que busca a patronal, CIG-Banca denuncia que na realidade se trata de horarios sen límite que poden ser cambiados a diario polo sistema de cita previa coa clientela, e que afectan sobre todo aos postos de xestión comercial que son postos feminizados. Neste senso, explican que naquelas empresas nas que se incrementou o número de tardes laborais, "asistimos a un incremento de compañeiras con menores a cargo que se viron na obriga de pedir redución de xornada e salario para poder conciliar". Ademais, no sector hai pactado un modelo de rexistro trampulleiro que facilita a fraude en materia de xornada.
Recortes salariais a través da supresión do plus de convenio e a antigüidade
No estudo, CIG-Banca analiza dende unha perspectiva de xénero os recortes salariais que propón a CECA referido á supresión dos trienios e non pagar o plus de convenio. No primeiro caso, a desaparición dos futuros trienios afectará en maior medida ao persoal que hoxe non cobra nada de antigüidade, é dicir, ás persoas que están entre os niveis VIII e XIV, das que un 64,73% son mulleres.
No caso do plus de convenio, este naceu para compensar a mobilidade funcional, que basicamente afecta ás persoas entre os niveis VIII e XIV, e aos postos de subdirección e xestión, que asumiron funcións comerciais. O non pagamento da parte fixa lineal, afectaría en maior medida ás mulleres, que ocupan os niveis salariais más baixos.
Xunto a isto, a patronal quere eliminar do convenio a axuda de estudos para as persoas con fillos/as con necesidades especiais, que ademais de ser unha medida antisocial, é un complemento lineal, polo que a súa desaparición contribuiría a ampliar a fenda salarial existente entre mulleres e homes.
Mobilidade xeográfica até os 50km diarios
Os bancos asociados á CECA intentan ampliar a mobilidade xeográfica, de maneira que poidan trasladar, incluso diariamente, ao persoal até unha distancia de 50km, sen que se considere a existencia de traslado e sen compensar gastos. O que supón un maior risco de accidente in itinere, pero tamén un incremento do tempo de traballo por desprazamentos.