Sanidade privada: beneficios millonarios pero incrementos salariais de "miseria"
As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO retomaron esta semana as mobilizacións contra o bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo da sanidade privada da Coruña, cunha protesta no Hospital San Rafael, no se realizou tamén un reparto de folletos para informar do conflito ás usuarias e usuarios deste centro.
As negociacións, explica o delegado da CIG e voceiro do colectivo, Milton Pérez, están totalmente bloqueadas porque a patronal "se nega a entrar a calquera tipo de negociación que non sexa o incremento salarial do 0,625% para 2016, 2017 e 2018. Isto supón hipotecar o futuro das traballadores e dos traballadores para os próximos tres anos. Por iso continuamos hoxe coas medias de presión para que a patronal sente a negociar un convenio digno".
A patronal négase unha e outra vez a un incremento dos salarios de máis do 0,625% anual"
Neste senso, apuntou que dende que comezaron as negociacións a principios de ano, a representación social, co ánimo de chegar a un acordo "foi facendo concesións", rebaixando a petición de incremento salarial até o 1,8% anual e renunciando a outras melloras laborais.
"Pero a parte empresarial négase unha e outra vez a un incremento dos salarios de máis do 0,625% anual e non acepta nin tan sequera que os permisos por enfermidade ou por falecemento se concedan en días hábiles e non solapando as libranzas semanais que xa corresponden por dereito as traballadoras e traballadores", critica. Melloras sociais, subliña, que non suporían ningún custe económico ás empresas.
Incremento dos beneficios empresariais
En canto ás retribucións no sector, Pérez informou que os salario bruto para un/unha enfermeiro/a está nos 1.002,76€/mes, nos 841,05€ para un/unha auxiliar de enfermaría ou nos 755,33€ para un /unha pinche de cociña, limpador/a, etc. Uns salarios que cualificou de "miserábeis", tendo en conta que "estes hospitais privados están recibindo un cantidade importante de doentes derivados/as do SERGAS e que cada ano incrementan a súa facturación".
Só no ano 2012, os hospitais privados de Galiza facturaron uns 300 millóns de euros"
Sobre o negocio que supón a sanidade privada, mencionar que xa no ano 2012, os hospitais privados de Galiza facturaron uns 300 millóns de euros. "E ao tempo que incrementan beneficios pretenden reducir o persoal para facer o mesmo traballo e recortar os salarios", censura.
"As e os profesionais da sanidade privada merecen e teñen dereito a que os beneficios empresariais tamén repercutan nun incremento digno dos seus salarios e nunha mellora das condicións laborais", aseverou.
Por iso, continuarán coas mobilizacións ao longo desta semana en diferentes centros.