A pandemia en Latinoamérica e o mundo: Comparacións odiosas

Julio C. Gambina - 25 Mai 2021

Asistimos a un problema global, a pandemia, como parte doutros inconvenientes que sofre a sociedade, como a situación de fame de case 900 millóns de persoas cando existe produción primaria para abastecer necesidades de 12.000 millóns de persoas, sendo uns 7.500 os habitantes do planeta

 A emerxencia sanitaria por mor da COVID-19 tráenos sorpresas. O tema non se resolve aínda iniciado o proceso de vacinación e, abofé, a concentración das vacinas nos poucos países de gran capacidade económica atrasa a posibilidade de inmunización da poboación mundial.

 O tema agrávase na rexión latinoamericana e caribeña, unha das máis afectadas, que co 8% da poboación planetaria acumula entre un 25% e un 30% de contaxios e falecementos, con mobilidade de prexuízo en termos relativos.

 Brasil é o país da rexión máis afectado en termos absolutos e por moito tempo Perú encabezou aos afectados por millón de habitante.

 As novas vagas de afectación modifican o mapa da situación e países que aparecían fóra do radar do virus senten o impacto dun modo agresivo e emerxen á cabeza do problema.

 Só a xeito de exemplo vexamos a recente información relativa a contaxios e mortes na rexión[1]. Uruguai aparece co maior impacto de incidencia por morte COVID-19 nas últimas dúas semanas, seguido por Paraguai, Arxentina, Colombia e Brasil, nesa orde.

 É curioso, porque a política oficial brasileira é “negacionista” do fenómeno pandemia, Arxentina aparece preocupado desde o inicio e Uruguai parecía en principio non afectado.

 A realidade da pandemia modifica o taboleiro e aqueles que parecían inmunes soportan agora o flaxelo: é o caso uruguaio e o dos que propugnaban a prevención como Arxentina, que superan en casos por millón de habitantes ao “negacionismo” brasileiro.

 Por iso aludimos a comparacións odiosas, dun fenómeno que é global e que non distingue fronteiras: só transitoriamente algún está mellor que outros.

 As distintas vagas de contaxios e derivas en falecidos convertéronse nun problema de longa duración. Iniciado o fenómeno a fins do 2019, en marzo de 2020 foi declarado pandemia. A máis dun ano e analizando o impacto sanitario e económico, a situación, segundo varios organismos internacionais, prolongarase case por un lustro. O horizonte de superación é o 2024 e xa se verá.

 Primeiro manifestouse o virus en China, e aínda existen quen pretende responsabilizar o país asiático de desencadear a emerxencia sanitaria, mais axiña se universalizou, afectando seriamente a Europa e despois aos Estados Unidos. Nese camiño emerxeu a zona latinoamericana e caribeña como concentración de casos e máis recentemente a India.

 De pouco serviron as comparacións, e mesmo China, territorio de orixe, aparece hoxe coas mellores respostas integrais de combate ao virus e a India, o outro superpoboado país do planeta, xorde como o territorio de concentración con maior cantidade de contaxios diarios desde a aparición do coronavirus.

Problema mundial de época

 Trátase dun problema mundial atravesado pola converxencia múltipla dunha crise civilizatoria. O virus está asociado ao modelo produtivo do capitalismo contemporáneo, que no último medio século globalizou as relacións sociais de produción.

 A proletarización avanzou nos territorios de maior poboación, especialmente China e a India, cun terzo da poboación mundial. O primeiro é territorio de inicio da manifestación pandémica e o segundo concentra hoxe a atención pola magnitude de afectadas/os.

 Ao mesmo tempo, esas relacións económicas espalláronse mundialmente estendendo a iniciativa privada, a diferenza do medio século previo (1930-1980) que viña privilexiando a intervención estatal con ampliación de dereitos sociais.

 A privatización da vida cotiá afectou dereitos sociais adquiridos, nomeadamente na saúde e a educación. A mercantilización da vida cotiá inclúe a innovación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico que no caso da “propiedade intelectual” exacerba o individualismo e a procura de rendibilidade privada.

 En rigor, se existe algo social é a cultura humana que marca o cotián. Adquírese a calidade humana de modo social. Non existe humanidade nin sociedade, por exemplo, sen linguaxe, máis aló da diversidade de idiomas.

 Trátase dunha actuación colectiva, social, onde a experiencia humana organiza na historia a dimensión do común, que hoxe se manifesta na universalización do capitalismo e a propiedade privada, como forma específica da historia da humanidade.

 No antecedente está a “non propiedade privada” ou, se se quere, a posesión en comunidade, como espello dun futuro que negue a negación. Á posesión territorial dos pobos orixinarios durante séculos, sucedeulle a apropiación privada estendida ás relacións sociais en toda a súa magnitude co resultado que hoxe sofre a humanidade. É o que debemos negar hoxe.

 Asistimos a un problema global, a pandemia, como parte doutros inconvenientes que sofre a sociedade, como a situación de fame de case 900 millóns de persoas cando existe produción primaria para abastecer necesidades de 12.000 millóns de persoas, sendo uns 7.500 os habitantes do planeta.

 É que, ante a crise enerxética, boa parte desa produción se destina a satisfacer a fame das máquinas e equipos, antes que a das persoas. Por iso o cambio climático é un derivado directo do modelo produtivo e de desenvolvemento, que cruza a dimensión alimentaria, enerxética, ambiental, económica, financeira, cultural e política. Unha integralidade que aborda ao conxunto da civilización contemporánea.

 Fai falta un cambio cultural, que supoño un retorno ao común, ao comunitario, en contra e máis aló do individualismo construído durante séculos.

 Non se trata de ver que país xestiona mellor a pandemia, senón de como a sociedade afronta o fenómeno pandémico coa esencia da orde social que se manifesta nesta agresión á vida da humanidade e da propia Natureza.

_______________________________________________________________________________________

[1] El País, “La crisis del coronavirus”.

_______________________________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 20 de maio de 2021]