A ollada tendenciosa sobre as pensións
Mercado laboral e pensións son dúas caras de mesma moeda (e a fábrica de timbre e moeda está en Madrid). Estamos atadas de pés e mans nun dos temas máis importantes para calquera sociedade. Diso dependen as condicións de traballo remunerado (e con iso as pensións) e, por tanto, as condicións de vida de todas e cada unha das persoas da nosa comunidade e o noso pobo
Moito se está falando ultimamente de pensións. No Estado español acábanse de revalorizar as pensións mentres soa o ruxerruxe dunha nova reforma a petición da UE. Pola súa banda, a primeira ministra francesa, Elisabeth Borne, acaba de propor elevar a idade de xubilación e os sindicatos anuncian as súas primeiras mobilizacións. Mentres, os faladoiros énchense de economistas e opinólogos sobre o tema...
Moitas noticias e voces, mais practicamente un só marco: temos un “problema” coas pensións. Mediante este marco ofrécesenos un problema (a suposta falta de viabilidade das pensións) e con iso unha chea de solucións, todas na mesma dirección: atrasar a idade de xubilación, contabilizar máis anos no cálculo destas, pór atrancos á súa valorización, esquecernos das non contributivas, etc.
Ese é o marco imposto polo establishment, como sempre en economía, presentado como fenómeno da natureza e do que é moi difícil escapar se non somos capaces de reenmarcar o debate noutros termos. O que enmarca, desenmarca, preséntanos unha visión do problema (e as solucións) desde un punto de vista concreto e este sempre deixa á marxe outras perspectivas de analizar o fenómeno e por tanto de dar outras solucións a este. Explícome a seguir.
En primeiro lugar vou facer referencia a unha frase que a miña ama (tamén é pensionista) adoita dicir: “Menos a morte case todo ten solución”. E coas pensións pasa o mesmo; abofé que teñen solución. Se non somos capaces de enmarcar as pensións como o resultado concreto dunha política económica, imos terminar pensando que hai unha vontade natural, divina e superior a nós que vai determinar o futuro das pensións. Algo parecido ao tsunami financeiro de 2008. Pois non, resistámonos. O crack financeiro de 2008 debeuse ás políticas de desregulación do mercado inmobiliario e financeiro e a situación actual das pensións débese, entre outras cousas, a que o Partido Popular gastou na mencionada crise os 60.000 millóns do peto das pensións.
É este peto o que nos dá pé para pór en valor a política (as decisións políticas) por riba das supostas leis e tendencias naturais como as do avellentamento da poboación. Concretamente, e porque xa sabiamos que se ía producir a gran xubilación (período de xubilación da xeración do baby boom), alguén con bo criterio (ou boa política) decidiu pór en marcha o peto das pensións e outro alguén con mal criterio (ou mala política) decidiu gastar ese peto e acabar cun colchón social que custara anos e anos acumular. As pensións, polo tanto, son e serán consecuencia de políticas públicas concretas. E se son e serán froito de políticas concretas, claro que teñen solución, principalmente solucións políticas. Fóra derrotismos e marcos que negan as posíbeis solucións. Ou abrimos o horizonte das alternativas (políticas) ou a nosa ollada estará fanada e minguada tamén neste ámbito.
Neste sentido, coido que o debate das pensións se está a dar non só enmarcándoo como un problema sen solución, senón que o observamos cun só ollo mentres mantemos o outro tapado. Cando era pequeno levei durante moito tempo un parche no ollo, porque segundo o oculista tiña o que se chamaba ollo vago. É o que ocorre tamén co tema das pensións: queren que pechemos un ollo e analicemos o tema só e a partir dun só ollo. Explícome: por que se centran tanto no avellentamento da poboación ou en que agora vivimos moito máis, mentres se agocha que as pensións están intimamente unidas aos contratos laborais? Por que se agocha (ollo tapado) que a precarización das condicións laborais (sobre todo entre a xente nova) fixo que a cotización que pagan os empresarios á Seguridade Social diminuíse de forma moi importante? Por que se fala das pensións á marxe das reformas laborais? Por que non se poñen en cuestión as reformas laborais que desde 2011 até o día de hoxe fixeron que os empregos sexan máis precarios, peor remunerados, máis parciais, máis descontinuos, etc., e que todo iso fai que os ingresos das cotizacións sociais diminúan? Segundo un informe da fundación Ipar Hegoa do sindicato LAB, en Hego Euskal Herria hai 402.400 persoas empregadas cun soldo inferior a 1.400 euros. Sendo as cotizacións á seguridade social proporcionais ao soldo, podemos supor o que significan uns soldos tan baixos para os ingresos das arcas públicas? Como garantir o futuro das pensións cuns soldos e achegas empresariais tan baixos?
Por certo, esa ollada vaga e dun só ollo fainos esquecer que durante décadas as mulleres non traballaron fóra de casa e que por iso cobran as pensións máis pequenas (non contributivas) e que agora son elas maioritariamente as que ocupan eses empregos precarizados, parciais e mal remunerados. Se non se toman medidas políticas con este tema, no futuro as mulleres seguirán tendo pensións mínimas a pesar da súa incorporación ao mercado laboral. Punto e á parte merecerían os miles de mulleres que coidan as nosas maiores. Na maioría dos casos fano sen contrato e, por tanto, se non o remediamos carecerán no futuro de pensión ningunha. Cantas novas cotizantes se poden gañar do recoñecemento de todas as traballadoras non remuneradas na actualidade? O xénero, xa que logo, tamén nos exixe afinar a nosa ollada neste campo.
Alguén dirá que subir os soldos ou as cotizacións á Seguridade Social sería pór en cuestión a viabilidade das empresas polo encarecemento dos custos de persoal. Este tema pódese despachar de forma rápida e contundente: a participación dos soldos no PIB non fixo outra cousa que diminuír desde os anos 80, mentres que a dos beneficios non fai máis que aumentar. A maioría das empresas do IBEX 35 levan anos acumulando marca de beneficios (pasando unha pandemia) mentres debatemos se hai ou non diñeiro para as pensións. É un desatino. Xa abonda de falsear o debate. As cotizacións á Seguridade Social son ingresos fiscais que deberían de axudar a crear unha sociedade mais xusta, equitativa e igualitaria. As empresas poden e deben pagar máis para garantir o futuro das pensións.
Dito todo o anterior, haberá tamén quen dirá, e con razón, que non podemos evitar o factor do avellentamento da poboación e as súas consecuencias (por certo, un tema que tamén responde a decisións políticas e que daría para outro longo artigo). Moi ben. Abramos o debate sobre a idade de xubilación pero fagámolo á vez que abrimos, por exemplo, o debate da redución da xornada laboral. Non é xusto dicir que no último século as condicións de vida melloraron e que, por tanto, as persoas podemos seguir traballando con máis de 65 anos e esquecernos de que seguimos a manter a mesma xornada laboral de hai cen anos. Si, xa pasou un século desde que a loita sindical conseguise a xornada laboral de 40 horas semanais. E si, a poboación cambiou moito no último século, mais o modo de produción e a tecnoloxía tamén. Non hai condicións materiais e tecnolóxicas para reducir a xornada laboral? Que pasaría se reducísemos a xornada laboral a 32 horas ou catro días semanais? Cantos novos postos de traballo e por tanto cantos novos cotizantes se poderían sumar para garantir o futuro das pensións? Velaí outra posíbel solución para o que unicamente se presenta como un problema sen solución ou cunha única e distorcida solución. A redución da xornada laboral xeraría miles de novos empregos e con iso miles de novos cotizantes. Trátase de abrir novos horizontes a unha ollada que se nos presenta vaga e fendida de forma permanente.
Así pois, hai que se pór outras lentes tamén para analizar o tema das pensións. Como estamos a ver, este tema está relacionado directamente coa regulación do mercado laboral e coas reformas laborais que impón Madrid. Si, impón dixen. Tanto a maioría sindical deste país como as forzas políticas maioritarias de Hego Euskal Herria rexeitaron as devanditas reformas mais, porén, aplícansenos. E o mesmo ocorre coas reformas das pensións. O PNV vendeu o concerto económico sempre como unha panacea, pero o certo é que co actual status político non podemos lexislar nin en materia de emprego, nin en materia de pensións. A falta de soberanía económica fai que Madrid decida por nós cal é o SMI, os tipos de contratos, cal é o marco de negociación colectiva, as cotizacións á seguridade social, os tipos de pensións ou a contía destas...
Como dixemos, mercado laboral e pensións son dúas caras de mesma moeda (e a fábrica de timbre e moeda está en Madrid). Estamos atadas de pés e mans nun dos temas máis importantes para calquera sociedade. Diso dependen as condicións de traballo remunerado (e con iso as pensións) e, por tanto, as condicións de vida de todas e cada unha das persoas da nosa comunidade e o noso pobo. A soberanía económica ou cando menos un marco vasco de relacións laborais e prestacións sociais é unha necesidade imperiosa e urxente para este país e os debates estratéxicos do mesmo, incluído o das pensións.
Por tanto, menos derrotismo e visións tendenciosas e vagas con respecto ao debate das pensións. O futuro das pensións pódese garantir sen problema ningún. Como vimos, hai alternativas para iso. É un problema de vontade e de abrir debates: maiores soldos, maiores cotizacións patronais, contra-fenda de xénero, redución de xornada laboral... Se se manteñen pechados é só co fin de seguir favorecendo o IBEX 35 e a gran patronal; unha patronal que impuxo a estatalización dos convenios e que se mostrou sempre en contra dun marco vasco de relacións laborais e prestacións sociais. Por que será?
P.D: Non querería terminar este artigo sen mencionar o movemento de pensionistas de Euskal Herria que acaba de cumprir cinco anos na rúa pelexando por unhas pensións dignas. Moitos dos pequenos pasos dados ultimamente non se deron sen a súa loita e compromiso. E sobre todo, foron capaces de frear unha vaga neoliberal que quere acabar cunha conquista social tan importante como a das pensións. Zorionak e unha fonda aperta a cada un e cada unha de vós.
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 27 de xaneiro de 2023]