A normativa española sobre SMI, despedimento en período de proba ou contía das horas extras vulnera a Carta Social Europea
O Comité europeo de dereitos sociais (CEDS) do Consello de Europa, con sede en Estrasburgo, publicou o mes pasado as súas conclusións do ano 2022 (en inglés e francés) sobre o cumprimento da Carta Social Europea (CSE) por parte de 33 estados membros –entre eles o Reino de España– sobre os artigos relativos ao grupo temático do grupo temático III "Dereitos laborais". Estes inclúen o dereito a unhas condicións de traballo xustas (artigo 2 da Carta), o dereito a unha remuneración digna (artigo 4) e o dereito á negociación colectiva (artigo 6).
As conclusións do CEDS, que teñen o valor de xurisprudencia e poden invocarse directamente perante os tribunais internos mediante o chamado “control da convencionalidade”, foron elaboradas a partir do informe elaborado polo Goberno español e das alegacións de varias organizacións sociais e sindicais, entre elas a CIG, que leva anos presentando este tipo de alegacións.
O período de referencia examinado ía do 1 de xaneiro de 2017 ao 31 de decembro de 2020, aínda que o CEDS quixo tamén dispor de información actualizada sobre a situación dos dereitos sociais durante a pandemia de covid-19.
Os resultados son novamente negativos: das 17 situacións avaliadas, 8 conclusións son de non conformidade no cumprimento do disposto na CSE e 6 de conformidade. Ademais outras tres relacionadas cos dereitos 5 e 6 -referidos á sindicación e á negociación colectiva-, así como sobre o artigo 3 Protoloco Adicional -dereito a participar na determinación e mellora das condicións e a contorna de traballo- non puideron resolverse por falta de información suficiente. Cuestión esta que o Comité considera un incumprimento da obriga de información contraída por España en virtude da Carta de 1961.
Xornadas semanais superiores a 60 horas
O comité reitera a súa conclusión de non conformidade co artigo 2.1 da Carta de 1961 debido a que unha semana laboral total que, no marco de "normativas de flexibilidade" e para determinadas categorías, pode alcanzar até 60 horas semanais ou superar as 60 horas semanais non é razoábel. O Comité tamén observa que o Estado español non facilita información sobre os contratos de cero horas.
Lembra ademais que o teletraballo ou o traballo a distancia poden dar lugar a un exceso de horas de traballo e subliña que é necesario habilitar plenamente o dereito dos traballadores a negarse a realizar un traballo fóra do seu horario normal de traballo ou mentres estean de vacacións ou outras formas de permiso (ás veces denominado "dereito á desconexión").
O documento fai mención ás alegacións da CIG denunciando a situación das persoas traballadoras que permanecen a disposición da empresa en gardas localizadas, á espera de seren convocadas para realizar unha intervención laboral (situación habitual en servizos de emerxencias, sanitarios ou de mantemento). O Comité considera que a equiparación dun período de atención continuada a un período de descanso, na súa totalidade, constitúe unha violación do dereito a un tempo de traballo razoábel.
Vacacións fragmentadas en períodos demasiado curtos
O comité volve concluír que o Estado español vulnera o dereito a gozar de, cando menos, un período de vacacións anuais ininterrompidas de dúas semanas. Como expuxo a CIG nas súas alegacións, este incumprimento afecta ademais ao emprego público, pois hai ordes que regulan os horarios de traballo do persoal da Administración Xeral do Estado dispoñendo que os períodos mínimos en que poden dividirse as vacacións anuais son de cinco días.
Falta de compensación en traballos perigosos ou insalubres
O Estado español tampouco cumpre co apartado 4 do artigo 2 da Carta de 1961 porque non se estabeleceu que todos os traballadores/as que realizan traballos perigosos ou insalubres teñan dereito a medidas compensatorias adecuadas, como a redución da xornada laboral ou permisos retribuídos adicionais.
Salario mínimo insuficiente e horas extras mal retribuídas
Malia os incrementos do SMI durante o período analizado, o Comité conclúe que o salario mínimo no Estado español segue a ser insuficiente para garantir un nivel de vida digno.
O Salario Mínimo Interprofesional debe superar o 60% do salario medio de cada Estado, pois un nivel retributivo inferior coloca as persoas traballadora por baixo do limiar da pobreza. O feito de que a maioría dos salarios mínimos na Unión Europea se fixen a sabendas de que as persoas que os perciben non van abandonar a situación de pobreza é un escándalo democrático e un drama social.
Ademais, o documento refírese ás alegacións da CIG a respecto das escasa ou en moitos casos nula retribución das horas extraordinarias e o elevado número de horas extra sen retribuír que se realizan en sectores como a banca, a hostalería, o comercio ou a reparación de automóbiles
Engade o informe que no Estado español a remuneración das horas extraordinarias depende da existencia de convenios colectivos e das condicións neles establecidas e o tempo libre concedido polas horas extraordinarias só é equivalente ás horas extraordinarias traballadas, contravindo deste xeito a CSE. Ademais o Comité observa que o Estado non facilita datos sobre as horas extraordinarias no sector privado, polo que reitera esta solicitude de información.
As empresas non preavisan cando extingue a relación laboral en período de proba
O Comité toma nota da información trasladada pola CIG e conclúe que a lexislación español non é conforme á CSE debido a que non existe un período de preaviso para as persoas traballadoras cando a empresa extingue o contrato en período de proba..
Esta conclusión ten especial relevancia, pois este tipo de extinción “a custo cero” multiplicouse tras a aprobación da última reforma laboral.
As empresas deixan de aplicar unilateralmente condicións que foran obxecto dun pacto
Sobre o dereito á negociación colectiva, o comité reitera que o Estado español vulnera o apartado 2 do artigo 6 da CSE, debido a que a lexislación permítelle ás empresas non aplicar unilateralmente as condicións pactadas nos convenios colectivos. Son as modificacións substanciais de condicións de traballo, que decide pola súa conta a empresa tras un procedemento de consultas.
Impacto da Covid-19
No contexto da crise do Covid-19, o Comité pediu aos Estados Partes que facilitasen información sobre o impacto da crise do Covid-19, nomeadamente sobre o dereito a un tempo de traballo razoábel nos seguintes sectores: atención sanitaria e traballo social; aplicación da lei, defensa e outros servizos públicos esenciais; educación, transporte. No informe destácase que o Estado español non achegou información adicional a case ningún dos dereitos avaliados sobre o impacto que tivo a Covid-19.
A lexislación laboral española segue sen axustarse á CSE
O próximo informe referirase á Carta Social Europea Revisada, que o Estado español ratificou o 17 de maio de 2021, e abordará o grupo temático IV "Crianzas, familias, migrantes”.
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, as conclusións do Comité Europeo de Dereitos Sociais "son a evidencia de que na lexislación laboral española, reforma laboral tras reforma laboral, seguen vixentes normas e regulamentacións que deben axustarse á Carta Social Europea". Polo tanto, engade, "confírmase unha vez máis, o que desde a CIG vimos reclamando sobre a necesidade do cumprimento xa polo Estado español da Carta Social Europea".