A CIG denuncia que o Estado español vulnera dereitos laborais recoñecidos na Carta Social Europea
A CIG enviou as súas alegacións ao 34º informe do Estado español ao Comité Europeo de Dereitos Sociais a respecto do cumprimento da Carta Social Europea (CSE) e ao grao de incorporacións das advertencias feitas polo organismo. Para o período 2017-2020 toca avaliar o Grupo 3 de dereitos, relativos aos dereitos laborais, que inclúen o dereito a unhas condicións de traballo xustas (artigo 2 da Carta), o dereito a unha remuneración digna (artigo 4) e o dereito á negociación colectiva (artigo 6).
O sindicato nacionalista observa importantes incumprimentos e unha grave falta de vontade correctora destas eivas por parte do Goberno español, tendo en conta que en informes anteriores o Comité xa declarara que a situación do Estado non é conforme a moitos dos artigos e que hai uns meses se ratificou a versión máis recente da CSE, o que implica o recoñecemento de novas obrigas.
Hai que ter en conta que os informes que emite o Comité son vinculantes para os estados membros, xa que a CSE, como tratado internacional, fai parte do dereito e está incorporado ao ordenamento xurídico español, tendo rango superior á Constitución. Polo tanto, os informes que emite o Comité son alegábeis ante os tribunais españois.
Xornadas semanais superiores a 60 horas
En ocasións anteriores, o Comité xa declarou que o Estado español vulnera o artigo 2.1 da CSE ao permitiren os artigos 34 e 37 do Estatuto dos Traballadores/as que, aplicando mecanismos de acumulación da xornada en períodos de 14 días, poidan realizarse xornadas semanais superiores a 60 horas.
A CIG denuncia tamén nas súas alegacións a situación das persoas traballadoras que permanecen a disposición da empresa en gardas localizadas, á espera de seren convocadas para realizar unha intervención laboral (situación habitual en servizos de emerxencias, sanitarios ou de mantemento). Como declarou o Comité recentemente, a necesidade de permanecer a disposición da empregadora durante longos períodos de tempo impide realizar multitude de actividades persoais, o que pode implicar unha violación do dereito a unha duración razoábel do traballo recoñecido no artigo 2 da Carta.
Fragmentación das vacacións en períodos de cinco días
O Estado español vulnera tamén o dereito a gozar de, cando menos, un período de vacacións anuais ininterrompidas de dúas semanas. Este incumprimento afecta ademais ao emprego público, pois son as ordes que regulan os horarios de traballo do persoal da Administración Xeral do Estado as que dispoñen que os períodos mínimos en que poden dividirse as vacacións anuais son de cinco días.
Pobreza laboral e horas extras a prezo de saldo ou regaladas
De forma reiterada, o Comité declarou que o salario mínimo interprofesional debe superar o 60% do salario medio de cada Estado, pois un nivel retributivo inferior coloca as persoas traballadora por baixo do limiar da pobreza. Malia os incrementos do SMI producidos durante o período 2017-2020, ao que se refire o informe, a situación aínda non foi corrixida, con graves consecuencias en períodos de forte inflación como o que vivimos actualmente. O feito de que a maioría dos salarios mínimos na Unión Europea se fixen a sabendas de que as persoas que os perciben non van abandonar a situación de pobreza é un escándalo democrático e un drama social.
Nas súas alegacións, a CIG lembra tamén que a lexislación española non establece un valor da hora extraordinaria que sexa superior ao da hora ordinaria, o que supón un incumprimento flagrante da Carta, como xa advertiu o CSE. O sindicato denuncia tamén o elevado número de horas extraordinarias sen retribuír que se realizan en sectores como a banca, a hostalería, o comercio ou a reparación de automóbiles.
Despedimentos por sorpresa
A CIG denuncia que o Estado español tampouco modificou a súa lexislación interna para garantir que as persoas que perden o seu emprego dispoñan dun tempo de preaviso razoábel. En conclusións anteriores, o Comité declarou que o período de preaviso de dúas semanas non é razoábel para ningunha persoa que traballara máis de seis meses nunha empresa. Tamén é contrario á CSE que non exista período de preaviso no caso de incapacidade ou falecemento do empregador nin cando as persoas traballadoras non superan o período de proba.
Acordos que a empresa pode deixar de aplicar
O sindicato denuncia tamén que o dereito á negociación colectiva non se respecta no Estado español porque as e os empresarios poden desvincularse de pactos ou acordos de natureza colectiva mediante decisións unilaterais. Son as modificacións substanciais de condicións de traballo, que decide pola súa conta a empresa tras un procedemento de consultas. O Comité xa declarou en conclusións anteriores que esta situación é contraria á Carta, pero o Estado non fixo nada para corrixir a situación, malia a recente aprobación da reforma laboral.
Unha situación similar dáse en relación cos convenios colectivos de ámbito empresarial, que teñen prioridade aplicativa sobre os convenios de sector en materias de grande relevancia, o que implica tamén unha desprotección do dereito á negociación colectiva de ámbito galego ou provincial.
Impacto da pandemia nos dereitos
Nesta ocasión, e debido á situación extraordinaria de pandemia mundial, o Comité introduciu unha serie de cuestións a responder polos estados a respecto do impacto da covid-19 sobre este grupo de dereitos. En todos os temas (teletraballo, dereito á desconexión dixital, control electrónico das/os empregadas/os etc.), a CIG advirte que as medidas adoptadas son totalmente escasas para garantir os dereitos laborais e sindicais e que a lexislación aprobada resulta insuficiente para fixar unhas condicións dignas, ao fiar á negociación colectiva boa parte das cuestións a regular.