A maioría do persoal de GT Motive secunda a folga en demanda dunha suba salarial digna
O persoal de GT Motive continúa este venres co calendario de folgas, desta volta de 24 horas, ante a falta dunha proposta de incremento salarial digna por parte da empresa. Coincidindo co paro xeral, que está rexistrando un seguimento maioritario, os traballadores e traballadoras saíron en manifestación dende as instalacións da empresa (na estrada de Campolongo-Monfero) e percorreron a N-605 até Pontedeume, atravesando a ponte até a rotonda de Cabanas. Dende alí regresaron ao centro de Pontedeume onde remataron a mobilización cunha concentración diante da Casa do Concello.
"Aquí se ve o que paga GT", "Martínez escoita, GT está en loita" ou "convenio digno, salarios xustos", foron algunhas das consignas que se puideron escoitar durante a marcha, que se desenvolveu entre ás 11 e ás 13 horas.
A folga deste venres súmase aos paros laborais de cinco horas e ás concentracións realizadas na porta da empresa os días 3, 16 e 17 de febreiro, que tamén foron secundadas pola maioría do cadro de persoal, en resposta á negativa da dirección a asumir unha proposta de incremento salarial digna. Unha negativa que non comparten tendo en conta que a compañía (adquirida en 2021 polo Grupo Allianz X) goza dunha situación económica favorábel e boas perspectivas de negocio.
O delegado da CIG, Miguel Huguet, explica que na última reunión, celebrada hai unha semana, a empresa mantivo unha proposta de negociación que non responde en absoluto ás demandas sociais, ao non garantir nin a recuperación nin o mantemento do poder adquisitivo dos salarios. A oferta da dirección, apunta, consistiu nun miserento incremento na parte variábel das retribucións de maneira que nin sequera se consolida nas táboas. Ademais, denuncia, "a empresa éncheselle a boca dicindo que fixo subas por enriba do convenio, cando en realidade van a conta do convenio".
Os salarios a menos, mentres o custe da vida non para de subir
A este respecto, sinala que por mor das cativas subidas no convenio estatal de referencia (o de artes gráficas) e da complexa situación que atravesou a empresa, os soldos "foron a menos ano tras ano, mentres non paran de subir as hipotecas e os alugueiros, se dispara a factura da luz, os combustíbeis, e toda a cesta da compra. Ao final estamos vivindo para traballar, non traballando para vivir".
Xunto a isto, Huguet critica que nos últimos tempos GT Motive entrou nun proceso de recortar a información sobre as proxeccións e perspectivas da empresa que antes facilitaba, "limitándose agora a trasladarlle ao comité a documentación que estritamente obriga a lei".
Nova xornada de folga o 17 de marzo
Por iso, reitera, o comité acordou convocar dúas xornadas de folga de 24 horas (a de hoxe e a do venres 17 de marzo) e realizar outro tipo de accións reivindicativas para demandar uns incrementos salariais dignos. Neste marco, o xoves da semana próxima está prevista unha xornada de comunicación organizada pola empresa, á que o comité anima a asistir portando lazos vermellos en sinal de protesta.