A loita dos mariñeiros da frota do arrastre de litoral do porto da Coruña polos días de descanso no ano 1978

Miguel Campuzano - 06 Out 2025

As consecuencias foron importantes para o sindicalismo no mar en Galiza. Era a primeira loita tipicamente obreira dos mariñeiros galegos desde a II República. Hai que ter en conta o gran peso económico e social que tiña a pesca no porto da Coruña; era o primeiro porto do Estado español en venda de peixe fresco

Antecedentes

 Cheguei á Coruña o 16 de xuño de 1978. Viña de Viveiro, onde houbo dous anos moi intensos coas folgas polos convenios colectivos do metal, construción e transporte, a folga de Alúmina-Aluminio, as mobilizacións contra a central nuclear de Xove, as mobilizacións polo Hospital da Mariña e as primeiras eleccións a Cortes Constituíntes, entre outros eventos.

 A razón do meu desprazamento á Coruña foi que aceptei facerme cargo do SGTM-ING para todo o país, coa encomenda de lograr facer o primeiro convenio para a pesca de arrastre de altura e litoral tendo base no porto da Coruña. A proposta veu de Francisco García Montes, daquela Secretario Nacional da ING.

Na Coruña

O primeiro contacto foi con Margarida Vázquez Veras, que era a referencia sindical da ING e da AN-PG. A sede estaba nun baixo no barrio de Agra de Orzán. No porto o sindicato maioritario na pesca era o SPG (Sindicato da Pesca Galego) que tiña un local na Praza da Palloza. Este sindicato xurdira despois dunha arribada xeral de barcos do Gran Sol onde algunhas persoas lanzaran a alternativa nas asembleas multitudinarias na Casa do Mar. Quen estaba á fronte como liberado era un militante do MCG (Movimento Comunista de Galicia), de nome Félix, que posteriormente negociou a fusión do sindicato con CCOO.

 Fun vivir nun piso en Montealto no que tamén residían outras persoas ligadas ao sindicato e ao nacionalismo, entre elas un mecánico naval da mariña mercante, Xan Cedo. Esta persoa tiña unha boa relación cunha familia de mariñeiros da Coruña, os García Valiño, e cun cuñado deles que vivía na mesma casa, Antonio Prieto Martínez, quen estaba embarcado na frota de arrastre do día. Presentoume a este home e rapidamente conxeniamos. Antonio (Toñito) fora militante da XOC (Xuventude Obreira Católica). Falamos da posibilidade de facer un convenio colectivo para o sector; de feito xa levaba eu varias semanas repartindo polo peirao a táboa reivindicativa e convocando asembleas na Casa do Mar con pouco éxito.

 Antonio pensaba como mariñeiro que o máis urxente era conseguir que os mariñeiros tivesen os días de descanso regulamentarios. El pasara da pesca de altura á do día para poder estar máis tempo coa familia. Tiñan só dous ou tres días libres a fin de mes. Volvían a porto cada dous ou tres días, e non sempre á Coruña; chegaban sobre as 12 ou 1 da madrugada e saían ás tres. Cando facía temporal non saían ou viñan de arribada.

 Con esta reivindicación fixen uns panfletos e dediqueime a repartilos polos barcos de noite cando descargaban, chamando a parar a fin de mes os seis días de descanso mínimos que a lei recollía (día e medio por semana). Había moita recepción nos barcos á proposta e fun coñecendo algúns mariñeiros e facéndome coñecido por eles. A consigna era: Non saír ao mar ata nos desfrutar os seis días de descanso! Fixemos asembleas na Casa do Mar nos días de fin de mes. Redactei un escrito para a Asociación de Armadores convocándoos a unha xuntanza para tratar o tema na casa do mar días antes, pero non acudiron.

 O primeiro barco en non saír ata completar os seis días de descanso foi o de Toñito, o “Virgen de Pastoriza”, despois foron os demais. Cómpre destacar a colaboración e valentía de mariñeiros como Ángel Fernández (Anxo), contramestre do “Nuevo Virginia” ou de Enrique Pereira Lois (Lois) da parella dos “Tabeiróns”. As tripulacións estaban moi implicadas e a frota non saíu aos tres días de descanso como lles mandaba cada armador.

 Os armadores deciden entregar os roles na comandancia como sinal de que non van saír ao mar o día 7 de setembro, quedando toda a frota do día amarrada. Nin os armadores, nin a Delegación de Traballo, nin o Goberno Civil nin os sindicatos SPG, CCOO e UGT recoñecen capacidade de representación ao SGTM-ING para negociar.

 Cómpre dicir que, meses antes, os armadores e estes sindicatos (SGTM-ING non participou), co visto e prace da Delegación de Traballo acordaron facer unhas eleccións sindicais onde os representantes non eran elixidos por cada barco, senón en conxunto para votar un Comité de Porto elixido por listas pechadas. A Lei era taxativa: “As eleccións sindicais deben facerse por centro de traballo”. Nós así o defendíamos e ao final iso foi o que ditaminou o Ministerio de Traballo meses despois. Durante o conflito fixemos eleccións en 15 barcos.

 A mobilización tivo moito eco na prensa, e mesmo foi portada varios días. Por outra banda o conflito veuse acrecentado pola decisión dos armadores de non saír ao mar, co cal a lonxa ficou desabastecida varios días do peixe de litoral co conseguinte aumento de prezos nos mercados. A repercusión na cidade foi grande durante os días de paralización da frota.

 Houbo simultaneamente un feito destacado entre os armadores, un deles, a vista de todos, o día 11 rociou con gasolina unha marea de peixe de varios barcos doutra empresa que saíu ao mar, por crebar o acordo entre empresarios. Anos despois foi condenado a pagar unha forte indemnización.

 Faciamos asembleas diarias na casa do mar pola mañá e pola noite facíamos piquetes no peirao. A policía tiña un amplo dispositivo despregado e tivemos problemas o primeiro día con tres detidos que foron postos en liberdade ás poucas horas. Fixemos varias manifestacións: fronte á Delegación de Traballo, o Goberno Civil o día 8 contra o amarre patronal, concentración diante das oficinas da “Voz de Galicia” reclamando “queremos información, non intoxicación”.

 Ocupamos a Delegación de Traballo tres veces para que chamase aos armadores a negociar e que se impuxese a lei que estaban infrinxindo. Tiven alí só unha reunión, co presidente da Asociación de Armadores (José Freire) e o Delegado de Traballo, pero foi moi curta, de pé, e o que dixo o representante patronal foi que “o SGTM-ING non tiña representación e non ían a aceptar negociar aínda que lles parase a frota”.

 O día 13 de setembro, mércores, remata o conflito coa saída dos barcos a faenar, despois de firmar un acordo entre Asociación de Armadores e o Comité do Porto, en presenza do Gobernador Civil e Delegado de Traballo, no que recoñecen o dereito a descanso de 6 días mensuais, aínda que, en cada empresa se descansarán obrigatoriamente tres, quedando os outros tres a negociar entre armador e tripulación, a cambio de diñeiro. A ING non recoñeceu o acordo, non aceptou que se puidesen pagar os días de descanso mínimos, pero había que saír ao mar, xa que continuar o paro da frota fora unha decisión empresarial e as tripulacións xa desfrutaran dos 6 días de descanso correspondentes ao mes anterior.

 Os traballadores volveron ao traballo coa moral alta, contentos de amosar a súa forza e lograr o recoñecemento do seu dereito a descansar. O SGTM-ING logrou un recoñecemento e prestixio como sindicato loitador en toda Galicia, pois o conflito tivo repercusión nacional.

 Ao mes seguinte tiñamos que facer de novo a loita; os armadores tentearon ás tripulacións e nuns casos tiñan 3 ou catro días de descanso e cobraban o resto. No caso dos máis combativos, non querían cobrar os días de descanso; así, comezouse co barco “Virgen de Pastoriza”, onde estaba Toñito, e non se presentaron á saída despois de só tres días de descanso e foron despedidos. Os armadores tomaran a decisión de non permitir unha nova mobilización da frota de arrastre do día e actuaron radicalmente, sabían que a Delegación de Traballo non ía actuar en defensa dos traballadores.

Repercusións desta loita

 As consecuencias foron importantes para o sindicalismo no mar en Galiza. Era a primeira loita tipicamente obreira dos mariñeiros galegos desde a II República. Hai que ter en conta o gran peso económico e social que tiña a pesca no porto da Coruña; era o primeiro porto do Estado español en venda de peixe fresco, con máis de 270 barcos no Gran Sol e máis de 70 no arrastre de litoral. Moitos barcos de outros lugares viñan descargar ao porto da Coruña atraídos polo prezo da lonxa.

 Era un momento de comezo da gran crise do sector coas limitacións da Comunidade Europea, Irlanda e Reino Unido coa ampliación ás duascentas millas, que xa trouxera expulsión dos caladoiros.

 Esta loita deu un pulo moi forte ao sindicalismo nas xentes do mar, que viron como con unión e mobilización se podían conseguir obxectivos. Organizouse unha vangarda e un sentimento de que se podía volver a loita noutro momento. Así se sentaron as bases para o 1º Convenio colectivo da pesca de arrastre do porto da Coruña en 1980; xa se falaba da necesidade do convenio colectivo e as centrais sindicais estatais tiñan asumido este obxectivo lanzado por nós. Eu estiven no servizo militar no ano 1979 e primeiros meses do 1980, e inmediatamente despois nos puxemos á faena.

 

 Posteriormente houbo mobilizacións sindicais na frota dos portos de Muros e Celeiro. Antonio Prieto tivo que ir a traballar a Burela porque na Coruña os armadores non o contrataban.

 Nas asembleas e nas declaracións públicas eu insistía moito en que os mariñeiros necesitan descansar para ter unha vida digna e “o mar tamén precisa descanso” da excesiva sobrepesca. Dada a peculiaridade do traballo na pesca de litoral e altura, é moi difícil garantir que os descansos laborais se respecten. O certo foi que, uns anos despois, unha lei da Xunta de Galicia cun Conselleiro de Pesca biólogo (López Veiga) regulou o descanso obrigatorio da frota de baixura no litoral galego durante os fins de semana, que aínda perdura.

 Para min, isto foi unha consecuencia indirecta da nosa loita ao destapar e facer pública a falla dunha normativa que regulase os descansos. Os armadores, como sempre, criticárona cos argumentos reiterados de que non ían gañar suficiente, o mesmo que din en todos os sectores da produción para oporse ás medidas que limitan o estrago que ocasionan coa súa actividade desmedida (o capitalista non quere limitacións á súa cobiza e a iso lle chama “liberdade”). Pero o descanso obrigatorio semanal segue vixente, está asentado e demostrouse que é unha medida indispensábel para a vida dos traballadores do mar e tamén para o medio mariño. Aínda hoxe, a pesar da redución drástica de barcos de pesca de litoral, vemos unha escaseza de peixe fresco salvaxe e uns prezos elevados, o que indica que non se están facendo as cousas ben por parte da Consellaría de Pesca e do Goberno galego.

 

[Galiza, 5 de outubro de 2025]