A loita dos/as traballadores/as frea as pretensións patronais e logra un preacordo digno para o metal de Pontevedra
Á espera de que se pronuncien as asembleas de traballadores e traballadoras convocadas para o xoves, a CIG-Industria valora de xeito positivo o preacordo acadado para o convenio de siderometal da provincia de Pontevedra por canto se garante o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e se frean os recortes de dereitos que pretendía impor a patronal.
Subliñan que "fomos quen de manter o poder adquisitivo dos salarios" xa que ademais dos incrementos do 3% por cada ano de vixencia, introdúcese unha cláusula de revisión até dous puntos por enriba da suba pactada e xerando atrasos con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro. Recupérase así un dereito (o cobro dos atrasos dende inicios de ano) que fora perdido en negociacións anteriores.
Aínda que a proposta da CIG era unha revisión sen topes, a patronal pechouse neste punto, impedindo calquera avance. Finalmente a actualización, de quedar os incrementos acordados por debaixo do IPC anual, será de até o 2%, rachando así o recollido no acordo estatal de negociación colectiva que limita a revisión ao 1%.
En canto á xornada laboral, logrouse unha redución de 16 horas (oito horas en 2024 e oito en 2025, sendo a xornada anual dese ano de 1760 horas), e as vacacións increméntanse nun día laborábel, sendo 23 en total. Así mesmo, conseguíronse melloras nas licenzas e estabelecer un plus de dispoñibilidade que até non existía.
En canto á subrogación entre empresas privadas, seguirá a ser unha demanda pendente, xa que a patronal se amosou totalmente hermética neste aspecto. Unha postura que a CIG nin comparte nin entende, pois favorece tanto as traballadoras e traballadores, ao garantirlles a estabilidade laboral, como ás propias empresas, que no caso de deixar un servizo non terían que asumir os custes das indemnizacións.
Por iso, a CIG-Industria xa adianta que continuará pelexando durante o próximo período para que se estenda este dereito a todo o persoal do sector, ao igual que xa está recoñecido nos convenios de Ourense, Lugo e A Coruña. A negativa da patronal neste tema resulta tan incomprensíbel que mesmo rexeitaron crear unha comisión para establecer que sectores e empresas estarían suxeitos a este réxime de subrogación.
O valor da loita para avanzar nos dereitos
A federación de Industria apunta que aínda que non se acadou todo o que se reivindicaba na plataforma sindical "fica claro que foi só grazas á mobilización, á unidade e á determinación amosada polos traballadores e as traballadoras nos seis días de folga, que a patronal entrou en razón e mudou a súa postura intransixente". A través da loita conseguíronse frear a pretensión das asociacións empresariais de recortar dereitos xa consolidados en negociacións anteriores ou precarizar as condicións introducindo, por exemplo, ETT en todas as industrias.
Neste sentido, a CIG quere pór en valor a loita iniciada polo sector, no que dende o ano 2009 non se convocaba folga. Neste tempo a CIG non asinou os convenios negociados por entender que supuñan un retroceso nos dereitos. Agora, a central está en disposición de avalar o preacordo, se así o ratifican as asembleas do persoal, porque si se produce unha mellora das condicións de traballo e se garante a recuperación do poder adquisitivo dos salarios.
"O sector espertou, está unido e imos manter viva a loita e a mobilización para que nos próximos convenios sigamos conquistando dereitos e avanzando nas condicións socioeconómicas de todos os traballadores e as traballadoras do siderometal da provincia", conclúen.