"A Lidl só lle interesan as perdas da folga, pero non resolver as problemáticas laborais"
A loita dos traballadores e das traballadoras do almacén de LIdl continúa adiante. Despois do xuízo celebrado onte contra a empresa por vulneración do dereito fundamental á folga, o persoal proseguiu este mércores co calendario de mobilizacións para visibilizar a folga que están sostendo dende o pasado 14 de febreiro e explicar cales son as súas xustas demandas.
Nesta xornada, o persoal botouse á rúa e fixo unha marcha a pé que partiu ás 17 horas do edificio da Xunta en Ferrol e rematou diante da tenda de Lidl no Polígono da Gándara, onde se berraron consignas como "Lidl escoita, estamos en loita", "Lidl atenta contra o dereito á folga", "menos explotar e máis pagar" ou "aquí está, aquí se ve, o persoal de Lidl non chega a fin de mes".
A andaina reivindicativa prodúcese un día despois do xuízo contra a empresa pola vulneración do dereito á folga, que se prolongou durante preto de cinco horas. Na vista, a empresa pretendeu en todo momento eludir as mencións as súas prácticas de esquirolaxe, limitándose a lamentar as perdas económicas a causa do paro indefinido, que ten un seguimento masivo.
"Á empresa non lle preocupa resolver as problemáticas laborais do almacén nin escoitar as demandas do persoal, o único que lle preocupa son as perdas económicas, algo que cocha coa súa negativa rotunda a sentar negociar para chegar a un acordo e rematar co conflito", valora Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol.
Este desinterese na situación laboral evidenciouse na longuísima intervención que fixo a representación da empresa no xuízo, durante a que incluso ofreceu cifras económicas concretas do custe da folga, previa a que se tomara declaración ás testemuñas propostas polas partes.
Lidl pretende xustificar as prácticas de esquirolaxe
Nas declaracións, sinala Martínez Padín, fíxose especial fincapé en determinar exactamente as funcións da cada posto, xa que a empresa defendeu que as tarefas propias dos mozos/as de almacén que asumiu nos primeiros días da folga o persoal das oficinas, son parte dos seus labores habituais. Ademais, Lidl quixo xustificar que se subministren as mercadorías (como os produtos conxelados) aos supermercados que abastece Narón dende outros almacéns, alegando que hai obras no centro galego.
Afirmación que as diferentes testemuñas propostas pola parte social desmentiron xa que, se ben hai obras nas instalacións, até o comezo da folga nunca houbera problemas para subministrar todo tipo de mercadorías aos supermercados, nin produtos conxelados nin doutra clase.
Ademais, Lidl insistiu na súa negativa a negociar co comité "aínda que non sabe nin o que demandamos, porque non nos quere escoitar. Na propia mediación que houbo o día antes de empezar a folga, foi a empresa a que pechou a porta a negociar, limitándose a dicir que retiraba as horas extra, mais sen compromiso e sen abordar ningunha cuestión máis", sinala a representante da CIG.
Neste senso, apunta que o comité leva catro anos presentando denuncias na Inspección de Traballo polo exceso de horas extraordinarias e para reclamar a regulación das contratacións, sen que a dirección faga caso das resolucións do organismo. "Non é tanto o que pedimos: que se amplíen as xornadas parciais e se reforce o persoal, se é preciso, para poder afrontar a carga de traballo que hai. Pero a empresa teima na súa actitude chulesca e prepotente e non quere dialogar".
Así as cousas, e á espera de que saia a sentenza, os traballadores e as traballadoras continúan adiante coa súa loita por unhas condicións de traballo dignas e para que se respecten os seus dereitos.