“A folga xeral ten que servir para que as mulleres deamos unha puñada enriba da mesa para rematar con este sistema machista e patriarcal que nos abafa”
Delegadas sindicais da CIG analizaron e debateron este xoves en Vigo sobre a situación socio laboral e as principais problemáticas das mulleres traballadoras e a necesidade de incorporar as reivindicacións feministas na convocatoria de folga xeral do 19 de xuño.
No encontro participaron a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Marga Corral, que explicou os principais motivos que levaron a central a convocar a folga xeral; e Ester Mariño, técnica de Igualdade da CIG, que incidiu na importancia de incluír nos convenios colectivos cuestións relativas aos dereitos das mulleres.
Tamén Natividad López, economista da CIG, que debullou os principais aspectos do informe económico elaborado polo gabinete técnico relacionados coa precariedade laboral que padecen as mulleres; e Rosa Chantada, secretaria comarcal das Mulleres da CIG de Vigo, que repasou os principais conflitos laborais abertos na comarca que contan con maioría de mulleres.
Corral fixo fincapé na idea de que “a folga xeral ten que servir para que as mulleres deamos unha puñada enriba da mesa para rematar con este sistema machista e patriarcal que nos abafa”.