A folga en Citroen pola sobrecarga de traballo paraliza a actividade nas liñas de montaxe
Os traballadores e traballadoras da fábrica de PSA-Citroen están secundando hoxe unha xornada de paros laborais de dúas horas por quenda para esixir solucións á sobrecarga de traballo en montaxe, sobre todo na liña 2, que se contrate o persoal necesario e que se recupere a actividade externalizada. A folga rexistra un elevadísimo seguimento nas diferentes quendas, alcanzando un seguimento global do 80%, o que provocou a paralización da actividade nas liñas de montaxe.
Coincidindo coas horas dos paros, os traballadores e as traballadoras realizaron asembleas e mobilizacións nas instalacións da fábrica de Vigo para visibilizar as súas demandas, cunha concentración que comezou en montaxe e marchou até as portas de dirección. O representante da CIG, Manuel Domínguez, xa adiantou que non se descarta convocar novas xornadas de folga se nos vindeiros días non se producen avances significativos, "porque non imos abandonar a reivindicación sobre o exceso de carga de traballo dos postos produtivos e que estes sexan realizábeis".
Compromisos por escrito
A folga, convocada por CIG, CCOO e UGT, chega tras de meses de conversas infrutuosas coa dirección, que malia apelar de xeito continuado ao diálogo, non puxo en marcha nin unha soa medida para corrixir este deterioro. Neste senso, Domínguez, valorou que a altísima participación nos paros demostra que o persoal non tolera máis esta situación e ten plena disposición a plantarlle cara á empresa para conseguir unha mellora nas súas condicións laborais.
O representante sindical reclamou da dirección que formalice por escrito un compromiso de aplicación de medidas para reverter esta situación, "de igual maneira que cando se trata de precarizar condicións enseguida quere plasmalo por escrito". Pola súa banda, a empresa, remitiu unha convocatoria urxente de reunión ao comité de folga "mais non sabemos con que obxectivo".
Postos "irrealizábeis"
Lembrou que as centrais sindicais levan advertindo á dirección sobre os problemas da excesiva carga de traballo dende que se levou a cabo a planificación dos postos na liña 2 de montaxe. "Os postos son irrealizábeis, a carga de traballo inasumíbel e a xente xa non dá máis", aseverou Domínguez, mentes advertía que este sobre-esforzo está provocando problemas de saúde para os operarios e operarias.
Aínda que a sobrecarga afecta especialmente á liña 2, o representante do persoal destaca que situacións similares se poderían dar noutras liñas de montaxe, polo que a folga parcial deste xoves implica a todo o persoal da planta viguesa.
Algúns dos problemas detectados, sinala Domínguez, refírense ás deficiencias na configuración dos postos de traballo, que fan que non sexan realizábeis “sen andar a correr”, e nos útiles cos que teñen que desenvolver o seu traballo; tamén o feito de que as cargas de traballo estean por riba do tempo do pase de cada coche; a externalización continua de operacións; alteracións da velocidade; a falta dun mapa dos postos que requiren de esixencia física importante en membros do corpo; así como a ausencia dun tope máximo de cargas para postos ocupados por persoal con limitacións.
Os problemas foron postos en coñecemento tamén da Inspección
Entre as medidas adoptadas pola CIG, CCOO e UGT neste tempo inclúense visitas ao taller co responsábel de fabricación para que comprobara o deterioro no que moitos traballadores/as teñen que afrontar os seus postos; denuncias na comisión paritaria de tempos e rendementos; e elaboración dun estudo detallado posto por posto e doutro no que cada responsábel de unidade participou achegando as súas necesidades.
Tamén enviaron escritos reclamando compromisos e solucións por parte da dirección de montaxe, do departamento de recursos humanos e do director da planta; denunciaron diante do departamento de prevención a situación do persoal con limitacións, para o que solicitaron medidas urxentes; e comunicáronlle á Inspección de Traballo o que está a padecer o persoal de montaxe “para que tome cartas no asunto antes de que estes/as empregados/as sufran problemas de saúde”.