A folga ten unha importante incidencia, especialmente nos sectores máis feminizados da área pública
Miles de galegas están a secundar a folga convocada pola CIG neste 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. Pero hai que lembrar que esta é unha folga que traspasa o ámbito laboral, afectando ao ensino (onde se agarda un seguimento masivo da folga por parte das estudantes), ao consumo e aos coidados.
No conxunto do país, nestas primeiras horas da mañá, o seguimento da folga na sanidade pública é moi elevado, xa que só están entrando as traballadoras nomeadas en servizos mínimos e ten especial incidencia na Atención Primaria. Nos sectores máis precarizados e feminizados da Administración, como son os centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de maiores, centros de día e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito rotundo, cinguíndose exclusivamente a cubrir os servizos mínimos impostos polo Goberno galego.
As traballadoras de ambulancias, que están na terceira semana de folga por un convenio colectivo digno, tamén se sumaron nesta xornada á folga de mulleres, reivindicando o seu traballo nun sector profundamente masculinizado.
Seguimento salientábel en todos os sectores de actividades do todo o país
Na comarca de Vigo, a pesar do intento de moitas empresas por boicoteala, a folga está a ter un elevado seguimento. A limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro está a verse afectada a causa do paro de 24 horas, como tamén o servizo de cociña do centro médico vigués. Ao igual que a recollida do lixo (que xestiona a empresa FCC) e o mantemento dos parques e xardíns (do que se encarga Althenia).
No sector industrial hai que salientar a incidencia en empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan, BorgWarner, Plastic Omnium, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, Domiberia ou Carchidea. Destacábel o seguimento da folga entre as traballadoras de Copo Galicia, tanto na quenda de noite como nesta da mañá. Outras empresas nas que está a ter impacto son algunhas de alimentación como Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato ou Conservas Rías Baixas e do téxtil como Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark. De igual xeito, rexístrase un elevado seguimento en empresas importantes do sector dos centros de chamadas como Bosch e Unísono.
Por último, empresas do transporte como Gefco ou Vitrasa tamén rexistran un importante seguimento, a pesar de que a concesionaria do servizo de autobuses do Concello de Vigo non lle comunicou os servizos mínimos ás súas traballadoras.
No caso de Pontevedra, a folga déixase notar en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín como Marfrio ou Cabomar. En Treves, firma do sector da automoción, o seguimento está a ser total, mentres que en Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria sitúase en torno ao 80%. No caso de Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo baixa ao 40%.
Na área da Coruña a folga déixase notar na administración pública, pois están pechados todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita. E tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se sumaron ao paro. Agárdase un seguimento importante no comercio e no comedor de Zara Loxística a maioría das traballadoras van á folga, polo que non se poderán dar comidas. No sector industrial, as traballadoras de Celsa Atlantic da Laracha tamén foron á folga e o 50% da traballadoras de Ferroatlántica de Cee. En Extel e Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica da Coruña, o seguimento supera o 85%.
Criticar a actitude obstrucionista da dirección do Hospital Quirón, que agardou até o último día para comunicar os servizos mínimos. De feito, a quenda de noite foi notificada por teléfono ou correo electrónico e en moitos casos para as quendas da mañá e da tarde a comunicación fíxose mediante cuadrantes colgados nos taboleiros dos servizos polas/os seus responsábeis pero sen notificación personalizada á traballadora. Esta actuación vai ser denunciada pola sección sindical da CIG.
En Compostela, o 100% das traballadoras da cafetería do Hospital Clínico non acudiron aos seus postos. Arredor do 90% das empregadas do Concello de Santiago están en folga e máis do 50% das traballadoras de axuda no fogar do Concello de Brión e Ames. Caso salientábel o da condutora do lixo de Sogama, a única muller que hai neste servizo, que tamén está facendo folga.
En Ferrol a esta hora o paro séntese entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón). Rexístrase paro tamén en Arteixo Telecom, na Administración local, nas oficinas de Correos e en tres residencias da comarca o seguimento é do 100%.
Censurábel o comportamento do Concello de Mugardos, que notificou a dúas traballadoras para servizos mínimos no últimos momento e a través dunha mensaxe de texto, sen respectar o acordo alcanzado coa representación social sobre os mínimos, no que non se facía referencia a estas dúas empregadas. En reposta a esta actuación, esta mañá un piquete informativo acudiu ás portas do concello "para demostrar que as traballadoras non imos consentir este boicot".
Na provincia de Lugo, nas residencias de maiores de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Abeiro Gold hai un importante seguimento da folga, tal e como acontece tamén en Abante BPO, empresa do sector dos centros de chamadas e unha das máis grandes da cidade. En Monforte a folga de mulleres estase sentido amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as traballadoras do Concello.
En Ourense, a folga de mulleres faise notar en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa.
Pór a problemática das mulleres no centro dos debates
Máis alá de porcentaxes, a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, destaca que "o verdadeiro éxito desta convocatoria reside en que "as mulleres fomos quen de pór no centro dos debates as discriminacións e as violencias que sufrimos polo mero feito de sermos mulleres, ou a necesidade de que os coidados sexan asumidos como unha problemática que se debe abordar desde as institucións, sen depositar en nós a súa responsabilidade". E advertiu que "non imos permitir máis conmemoración hipócritas e baleiras de contido, que facemos folga para que o poder entenda que non imos de farol nas nosas demandas".
Margarida Corral puxo como exemplo da múltiples discriminacións que seguirmos a sufrir as mulleres no mercado laboral o caso dunha traballadora que, onte mesmo, chamou ao sindicato para denunciar que nunha contrata de Naturgy lle dixeron que non podían contratar a mulleres, a pesar de reunir a formación requirida para o posto de montadora, por non ter os vestiarios adaptados para elas.
Chamamento a participar nas mobilizacións da CIG e de Galegas8M
A secretaría das Mulleres da CIG anima a secundar esta xornada de folga en todos os seus ámbitos e a participar activamente nas preto de 30 mobilizacións que a central sindical ten convocadas durante pola mañá por toda Galiza. Facemos un chamado tamén a participar na morea de mobilizacións que a plataforma Galegas8M organiza neste 8 de Marzo (pódense consultar as convocatorias nesta ligazón: http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2019/).
MOBILIZACIÓNS
UNIÓN COMARCAL DE VIGO
VIGO: 12:00h Na Farola de Urzáiz
BUEU: 12:00h Diante do Concello (r/Eduardo Vicenti)
CANGAS: 12:00h Diante do Concello (Avda. Castelao)
MOAÑA: 12:00h Diante do Concello (r/ As Barxas)
TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)
UNIÓN COMARCAL DA CORUÑA
A CORUÑA: 12:00h Na Praza de Vigo
BETANZOS: 12:00h Na Praza da Constitución
CARBALLO: 12:00h Na Praza do Concello
CEE: 12:30h Na Praza 8 de Marzo
UNIÓN COMARCAL DE COMPOSTELA
COMPOSTELA: 11:00h Na Xunta de Galiza (San Caetano)
COMPOSTELA: 11:30h No CHUS (Hospital Clínico)
COMPOSTELA: 12:00h Na Praza de Galiza
RIANXO: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE FERROL
FERROL: 11:30h No edificio da Xunta (Praza de Amada García)
AS PONTES: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE LUGO
LUGO: 12:30h
BURELA: 12:00h Diante do Concello
MONFORTE: 12:00h Na Praza de España
RIBADEO: 12:00h Diante do Concello
VIVEIRO: 12:00h Diante do Concello
UNIÓN COMARCAL DE OURENSE
OURENSE: 11:30h Diante da Mutua Universal
O BARCO DE VALDEORRAS: 20:00h Na Praza do Concello
VERÍN: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE PONTEVEDRA
PONTEVEDRA: 12:00h Na Praza da Peregrina
VILAGARCÍA DE AROUSA: 12:00h Na Praza Ravella
A ESTRADA: 12:00h Na Praza do Mercado
MOBILIZACIÓNS DE GALEGAS8M
A CORUÑA: 19:30h Manifestación dende o Obelisco.
COMPOSTELA: 20:00h Manifestación dende a Praza 8 de Marzo
FERROL: 19:00h Manifestación dende a Praza Amada García
LUGO: 20:00h Ruada Noctura dende a explanada da Xunta
OURENSE: 20:00h Manifestación dende a Subdelegación do Goberno
PONTEVEDRA:20:00h Manifestación dende a Praza do Hospital
VIGO: 20:00h Manifestación dende a Praza dos Cabalos
Consulta todas as mobilizacións convocadas polo feminismo galego nesta ligazón: http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2019/