A folga da Construción de Lugo en marzo de 1977
Os anos 1976 e 1977 foron períodos de grande axitación obreira e de importantes loitas reivindicativas. Os salarios eran moi baixos e a inflación estaba disparada. Por outra banda, a irrupción pola vía dos feitos consumados da liberdade de acción e asociación permitía lograr importantes mobilizacións crebando o medo a ser detidos ou torturados
CONTEXTO POLÍTICO
No ano 1976 dimite como presidente do goberno español Arias Navarro, nomeado por Franco e é substituído por Adolfo Suárez, designado polo Rei; son promulgadas as leis de reunión e asociación política e proclámase a primeira lei de amnistía. En novembro queda aprobada nas Cortes Españolas a Lei para a Reforma Política e en decembro faise o referendo desta.
No 1977 en xaneiro, prodúcese o asasinato dos avogados laboristas de Atocha, en febreiro promúlgase a lei de Partidos Políticos (legalízase o PCE, pero non a UPG nin a ANPG) e posteriormente a Lei de Asociacións Sindicais. En abril elimínase a censura previa da prensa. O 15 de xuño fanse as primeiras eleccións xerais desde 1936 para Cortes constituíntes, que gaña a UCD sen maioría absoluta. En agosto restablécese a Generalitat catalá e en outubro volve do exilio Tarradellas como presidente. O 14 de outubro apróbase a Lei de Amnistía e o 25 de outubro asínanse os pactos da Moncloa nun contexto económico de inflación ao 26%.
A oposición política española estaba organizada na Junta Democrática (encabezada polo PCE) a Plataforma de Convergencia Democrática (encabezada polo PSOE), que, en marzo do 1976, conflúen na Coordinación Democrática (coñecida como Platajunta).
As organizacións nacionalistas constitúen o Consello de Forzas Políticas Galegas, composto por UPG, PSG, Partido Social Demócrata Galego e posteriormente entraron o MCG e o Partido Carlista. Programaticamente opoñíanse á Autonomía e defendían “As Bases Constitucionais para a Nación Galega” (unha estrutura confederal para o Estado español con amplas competencias para Galiza). Xorde a ANPG como plataforma organizativa e alternativa electoral.
Estas conxuncións democráticas tiñan como función aglutinar forzas ao redor dos seus partidos principais e deixan de ter continuidade unha vez aprobada a Lei de Legalización dos Partidos Políticos. No caso galego, desaparece, ademais de por temas secundarios como a militancia en CCOO da xente do MCG, polo nulo interese da UPG na súa continuidade, xa que sabían que indo as eleccións en conxunto a figura que máis se beneficiaba era a de Xosé Manuel Beiras, como cabeza de cartel (conflito por ter a hexemonía na esquerda) e disolvendo o Consello (CFPG) deixábano sen apenas cobertura, como así sucedeu nas eleccións de 1977, onde o PSG quedaría moi reducido e con importantes baixas que se foron ao PSOE.
CONTEXTO SINDICAL
Os anos 1976 e 1977 foron períodos de grande axitación obreira e de importantes loitas reivindicativas. Os salarios eran moi baixos e a inflación estaba disparada. Por outra banda, a irrupción pola vía dos feitos consumados da liberdade de acción e asociación permitía lograr importantes mobilizacións crebando o medo a ser detidos ou torturados. Había inquedanza, expectativas de mellora e vontade de loitar.
Nese contexto, cunha pouca xente decidida, bos axitadores organizados politicamente e un plan de actuación coordinado foi posible erguer importantes mobilizacións obreiras en loitas reivindicativas concretas e na negociación dos convenios colectivos sectoriais.
En setembro de 1976 declárase a folga polo convenio da construción da provincia da Coruña, que foi liderada por José Luis Muruzabal, militante do PT, que crea á súa calor o sindicato unitario da construción. Tanto o SOG como CCOO tiveron escasa incidencia.
En decembro de 1976 faise a negociación do convenio do metal de Lugo e declárase a folga tamén dirixida por dous membros do PT. Neste caso, estaban polo SOG Antón Arias Curto, en Monforte, e Miguel Campuzano en Viveiro, que traballaba en Isolux na instalación da liña de alta tensión que ía alimentar Alúmina-Aluminio. A dirección do SOG en Lugo estaba nas mans de Xosé Manuel Díaz que participaba nos procesos, aínda que nas asembleas na casa sindical só permitían a participación dos que acreditasen ser traballadores do sector. Esta folga foi exitosa desde o punto de vista reivindicativo e o PT artellou o Sindicato Unitario do Metal de Lugo. O SOG obtivo escasa afiliación pero acadou unha importante experiencia que aplicaría á negociación do convenio da Construción de Lugo.
A ING queda constituída o 14 de marzo do 1977 coa fusión dos sindicatos sectoriais SOG, UTBG, UTBG, UTSG e SGTM.
As CC.LL. (Comisións Labregas) fan importantes mobilizacións e tractoradas contra a cota empresarial agraria.
FOLGA POLO CONVENIO DA CONSTRUCIÓN DE LUGO, DO 8 AO 18 DE MARZO DE 1977
A negociación colectiva tiña un límite de 10 días; pasado este período, sería competencia do sindicato vertical ditar un laudo obrigatorio. Ambas as partes tiñan interese en non pasar o límite temporal; polos traballadores, porque podía ser inferior ás expectativas e, pola patronal, por medo ao descoñecido e porque o conflito podría acrecentarse se non houber acordo.
Nas semanas previas ao comezo das negociacións do convenio os militantes do SOG reparten polas obras a táboa reivindicativa para o convenio colectivo e fan asembleas. Naquel momento existía unha boa base de militantes na provincia. En Lugo, Xosé Manuel Díaz, Adolfo Mosteirín e Euloxio López; en Viveiro, Miguel Campuzano; no complexo de montaxe de Alúmina-Aluminio, Xesús Arrizado (na empresa "Obras del Puerto" con 900 traballadores), Luís Matías e Froilán Pallín (en Obrascón) que viñeran de Lugo, Xosé Lois Losada, que viñera de Madrid (en Obrascón), Paco Sebio e Xavier Vázquez (en Huarte) que viñeran de Santiago. En Monforte estaba unha figura veterana do SOG e da UPG, que era Xosé Manuel Pavón, que comezara a militancia política, anos atrás, a través de Manuel María e de Saleta.
As reivindicacións presentadas foron:
- Aumento lineal de 10.000 pesetas
- Plus de asistencia de 150 pesetas diarias
- Cobrar 100% en caso de enfermidade ou accidente
- Seguridade Social a cargo da empresa
- Abolir as horas extraordinarias
- Seguro de morte ou invalidez por accidente
- Premio de xubilación de 60.000 pesetas
- Revisión salarial cada 6 meses conforme IPC máis tres puntos
- Paga de beneficios en outubro
- Roupa de traballo a cargo da empresa.
CRONOLOXÍA
— Día 8 de marzo, martes: Comeza a folga con gran seguimento en toda a provincia, Lugo, Viveiro, Alúmina-Aluminio e Monforte son os centros principais. Paran uns 5.000 traballadores. As asembleas son multitudinarias. Constitúese un comité asesor impulsado polo SOG desde as asembleas, que solicita entrar nas negociacións xunto coa UTT (Unión de Técnicos e Traballadores) do sindicato vertical, que estaba sentado á mesa de negociacións, pero os empresarios non aceptan. Son elixidos os delegados de empresa para formar unha estrutura organizativa do movemento.
A patronal ameaza con non seguir as negociacións se continúa a folga.
— Día 9 de marzo, mércores: a folga avanza e esténdese desde os núcleos principais ás vilas medianas e pequenas como Foz, Barreiros, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba, Sarria, Chantada, Quiroga e outras. O paro é total.
Representantes do Comité Asesor manteñen unha entrevista co Gobernador Civil da provincia para solicitar que non houbese intimidación e non se reprimise a actuación dos piquetes informativos xa que a mobilización era pacífica e cívica. Non houbo impedimentos policiais nas asembleas e piquetes.
Tanto a UTT como o Comité Asesor declaran publicamente que a asemblea de traballadores é soberana para decidir.
— Día 10 de marzo, xoves: Fanse asembleas nas casas sindicais nos núcleos principais con gran participación. En Viveiro e Chantada poñen impedimentos, que son vencidos posteriormente.
A patronal volve sentar a negociar, ofrece 11.400 pesetas de salario base e 6.000 en plus de asistencia con penalización do 25% á primeira falta sen xustificar e do 60% á segunda.
A patronal manifesta que se nega a negociar coa presión da folga.
— Día 11 de marzo, venres: as asembleas de traballadores rexeitan a proposta empresarial. O Comité Asesor ten outra entrevista co Gobernador Civil para reiterar o carácter pacífico da mobilización pacífica e esixe a non interferencia policial. Para o luns, agárdase que continúen as negociacións.
— Día 14 de marzo, luns: As asembleas deciden continuar a folga. Ratifícase o Comité Asesor, queda composto por: Miguel Campuzano e Manuel García Yáñez (Canoura) por Viveiro, Xesús Arrizado por Alúmina-Aluminio; Xosé Manuel Pavón e Xurxo Fernández, por Monforte; Manuel Rodríguez López, Secundino López Páxaro e Adolfo Mosteirín por Lugo.
Faise unha caixa de resistencia dos traballadores. O SOG achega a ela 4.000 pesetas.
— Día 15 de marzo, martes: Os empresarios seguen ameazando con non negociar baixo a presión da folga e ameazan con suspender de emprego e soldo aos traballadores que non se reincorporen, pero fanse dúas xuntanzas de negociación. Ofrecen 18.500 pesetas de salario bruto para a categoría de peón cunha subida no salario base de 1.350 pesetas.
— Día 16 de marzo, mércores: Os traballadores en asemblea deciden continuar a folga e rexeitar a proposta empresarial. Piden que na comisión negociadora entren dous traballadores do Comité Asesor. Hai concentración de máis de 1.000 persoas en Lugo. En Viveiro paraliza o comercio en solidariedade e faise unha importante manifestación. Os estudantes dos institutos apoian a folga. Hai concentración en Monforte e manifestación en Foz despois da asemblea.
— Día 17 de marzo, xoves: As asembleas de traballadores consideran que a subida no salario base non é suficiente e manteñen a folga. Pola tarde-noite faise unha asemblea multitudinaria na casa sindical de Lugo con participación dos obreiros de toda a provincia (en Viveiro e Monforte tamén se fan asembleas), mentres se reúne a comisión negociadora. Dous representantes do Comité Asesor, Miguel Campuzano e Xurxo Fernández, entran nas negociacións.
A patronal oferta un salario base de 13.200 pesetas mensuais e un plus de asistencia de 5.300 pesetas, un total de 18.500 pesetas para a categoría de peón. A asemblea de traballadores non a acepta. Xa preto das 12 da noite, os empresarios ofrecen 14.100 pesetas en salario base e 4.400 pesetas en plus de asistencia cunha revisión conforme a inflación cada seis meses. Esta proposta foi sometida a votación na asemblea e é aceptada.
Acórdase que a reincorporación ao traballo será o luns día 21 de marzo e que non haberá despedimentos nin sancións.
— Dia 18 de marzo, venres: Sae en primeira páxina dos diarios o fin da folga e o comezo da actividade para o día 21 de marzo. Publícase un comunicado empresarial no que pide aos seus afiliados que non tomen medidas disciplinarias pola participación nesta. O presidente do Sindicato Provincial da Construción manifesta que houbo un gran sentido da responsabilidade nas dúas partes da negociación. O SOG destaca a vitoria pola unión e loita dos traballadores e lograr impoñer a entrada de representantes das asembleas na negociación.
A INTRAHISTORIA
Desde o SOG eramos conscientes da importancia que tiña para a historia do sindicalismo galego a negociación do convenio colectivo da Construción de Lugo, pois era unha oportunidade única para dar o salto e constituírmonos como un auténtico sindicato de masas, de lograr o obxectivo de que existise unha alternativa sindical nacionalista puxante que puidese competir co sindicalismo español representado por CCOO e UGT, aínda que esta última non tiña presenza nos conflitos. O sindicalismo nacionalista, con esta vitoria, demostraba ser capaz de organizar a clase obreira, dar sentido á súa loita e negociar as condicións de traballo nos convenios.
O sector tiña moi escasa afiliación clandestina e practicamente non tiñamos competidores á hora de mobilizar. Sería unha folga liderada polo SOG en solitario, baixo as premisas dun modelo combativo e non pactista. Aínda que a dirección era colexiada, e nas mobilizacións había outra xente, destaca a figura do recentemente falecido Xosé Manuel Díaz como cerebro e organizador.
Repartíronse carnés do SOG de xeito masivo ás persoas que desexaron afiliarse. O modelo de sindicato por células con militantes nacionalistas concienciados e activistas quedou definitivamente superado. Como exemplo, o representante do SOG en Foz era un castelán manchego, Juan Hernández, un obreiro da costrución que participou activamente na folga e se afiliou neste proceso.
A FOLGA EN VIVEIRO
Foi fundamental o traballo previo de darse a coñecer polas obras axitando e creando ambiente de forma organizada e coordinada, espallando a loita e a organización por todas as vilas. Así, en Viveiro a folga tivo moita importancia, destacando nas asembleas Manuel García Yáñez (Canoura), que non tiña militancia sindical. Miguel Campuzano, que traballaba na empresa “Felguera Revestimientos” en Alúmina-Aluminio, levaba a dirección nas asembleas.
O primeiro día de folga, pola mañá cedo, atopeime con que non puiden saír da casa pola porta porque tiña a pechadura sabotada, tendo que saltar desde un primeiro piso. Cheguei algo tarde ao piquete e xa estaba o liberado de CCOO tratando de facerse co control. Comuniquei á asamblea o que sucedera e desapareceu da escena.
A folga foi unha conmoción en Viveiro. Desde a II República non houbera unha mobilización semellante onde a maioría da poboación era solidaria cos traballadores. Antes houbera algunha concentración e pequena manifestación á saída dunha conferencia sobre a central nuclear de Xove, pero esta folga tiña o apoio masivo.
Hai que lembrar que en Viveiro houbo un importante núcleo de militantes galeguistas, sindicalistas e do Partido Comunista e PSOE na República e moitos deles foron asasinados, torturados, encadeados e perseguidos. Estaba en funcionamento, daquela, a mina de ferro da Silvarosa, berce do sindicalismo na zona. Os seus fillos e netos formaban parte do movemento social de esquerda nacionalista, lembro a César e a Hernán Naval Parapar, netos do asasinado concelleiro do Partido Galeguista Cesar Parapar, a Ana e Inés Veres, fillas de Eduardo Veres, militante do PCE encadeado e torturado, e da súa muller Josefa López; a Ignacio Hernando, fillo dun militante do PCE de Madrid, desterrado a Galiza.
A folga desenvolveuse sen incidentes, apenas houbo necesidade de intervención dos piquetes e as asembleas eran masivas.
En vésperas do remate do período de negociación houbo unha solidaria actuación do pobo, con peche de comercios, manifestación, paro dos estudantes dos institutos e declaracións de solidariedade da Agrupación Cultural Sementeira. A vila vibraba cos traballadores. A ANPG estivo apoiando en todo momento cun numeroso e cualificado grupo de militantes como Prudencia Santasmarina Raposo e África Leira (que levaban as CC.LL., entre elas as de Xove), Manuel Sendón, Clara Ogando, Pilar Delgado, Mercedes, Cristina Baamonde, Dolores Nieves, na UTEG, e en ERGA os irmáns Néstor e Xosé Ramón Rego; coa carreira de maxisterio acabada, estaban Paco Luís Rodríguez e Xulia Canoura; a nivel popular Ignacio Hernando, Antón Casal, César Naval e as irmáns Ana e Inés Veres.
A vitoria dos traballadores que se concretou nunha importante mellora salarial deu un prestixio moi grande ao SOG. A ING abriu local en viveiro na rúa da Misericordia, que perdurou aberto moitos anos.
Miguel Campuzano foi secretario local da ING ata xullo de 1978, posteriormente ocupou a función Xesús Arrizado un breve tempo, ata que foi para Lugo para exercer como Secretario de Zona, cando Xosé Manuel Díaz deixou o cargo. Durante moitos anos o Secretario Local da ING, despois INTG, foi César Naval Parapar, traballador de Barras Eléctricas Galaico-Asturianas.
[Galiza, 6 de maio de 2024]