A flexibilidade na xornada, obxectivo central da patronal
O Goberno debería concretar e aclarar en que consiste a flexibilidade laboral que propón, xa que non semella casual a coincidencia neste aspecto coa UE (representante do gran capital). Máis criticábel é a postura dos sindicatos sistémicos CCOO e UGT, que manteñen unha actitude pasiva sobre o tema
Poucas veces se adiou tanto tempo a negociación de cuestións laborais de tanta importancia, nunhas conversas nas que participasen patronal, sindicatos sistémicos e Goberno central. Tamén cómpre salientar que durante o proceso a información sexa tan xenérica e ambigua. Este xeito de facer a quen máis beneficia é á CEOE, xa que por unha banda divide as centrais sindicais, entre as pactistas e aquelas que teñen unha actitude máis combativa (marxinadas da mesa de negociación como ELA e a CIG), e por outro lado desactiva a clase traballadora ou a unha gran parte dela. Isto sucede tanto pola ruptura da unidade entre sindicatos pactistas e combativos, como porque crea desacougo e desconfianza, tendo en consideración os antecedentes de pactos sociais anteriores e o retroceso constante dende hai décadas dos dereitos sindicais.
O lóxico, para que o movemento obreiro acade os máximos obxectivos posíbeis, neste contexto económico e político, é que antes e durante a negociación exista unha forte mobilización na rúa, que prema tanto a patronal como o Goberno, e acade a complicidade social. As ameazas verbais que están a realizar CCOO e UGT de pouco valen, non son críbeis, tendo en conta a súa historia recente, e amosan a falta de atrevemento e de capacidade mobilizadora; isto tamén é o que se transmite á CEOE e ao Executivo de Sánchez. Daquela os 15 euros de aumento do SMI, inferior ao crecemento do IPC no ano 2021, e a falta dun compromiso con datas concretas para que o salario mínimo atinxa o 60% do salario medio. Como exemplo de que se pretende manter a clase traballadora en vilo, baixo presión, e que despois de realizar unha prórroga este mes se decide cales son as condicións para os ERTE até final de ano. Deste xeito semellan todos os pequenos avances, que mesmo poden ir ligados a retrocesos de xeito que non se vexan como importantes (un exemplo témolo no sistema de pensións que se está a debater no Parlamento).
O SMI e os ERTE tratáronse e acordáronse parcialmente unha morea de veces. Era necesario? Como xa dixen todo amosa un interese máis propagandístico que de efectividade. Mais a derrogación da reforma laboral e da Lei Mordaza seguen pendentes. A última enguedellada no Parlamento, a primeira seica vai consistir nunha nova norma laboral, que por unha banda recuperaría a ultraactividade e a preeminencia do convenio máis favorábel para o traballador/a (de sector ou empresa), e algún tema máis. E por outro lado amplía o concepto de contratos fixos-descontinuos, como se fosen unha solución ao desemprego. Pode que o sexan a nivel aritmético xa que diminuiría a taxa de paro. Haberá que estar moi atentos ao que se lexisla neste tipo de contratos.
Ao mesmo tempo anúnciase unha lei para tratar especificamente a flexibilidade da xornada. Segundo Yolanda Díaz será unha norma sobre o uso do tempo de traballo na empresa que se comezará a negociar cos axentes sociais en 2022. A ministra anticipou que “esta lei será moi complexa e introducirá cambios na forma de organizar o tempo entre traballadores e empresas, e que o Ministerio apostará pola flexibilidade da xornada laboral”. Polo que as perspectivas nos contratos de fixos-descontinuos como a flexibilidade da xornada laboral son para se poñer a tremer, tendo en consideración as “bolsas de horas” que se xestionan de acordo ás “necesidades da empresa”, con total arbitrariedade pola patronal. Non se trata dun tema menor porque implica condicionar a vida do traballador ou traballadora para alén da xornada laboral habitual, xa que na práctica esta estaría a disposición da empresa en todo momento, afectando ás relacións familiares e de lecer. Unha volta á escravitude, a situacións de servidume.
Esta é sen dúbida unha das maiores apostas neste intre do capital para optimizar a explotación laboral. Lembremos os contratos por horas (caixeiras en supermercados) e determinados meses do ano no sector servizos (hostalaría e comercio), por obra (construción), e mesmo o intento de introducir a “bolsa de horas” en empresas do transporte viaxeiros e sector industrial (véxase o conflito en IKF na Guarda, cuxa dirección quere aplicar salarios distintos para o mesmo traballo, para os novos contratos, e estender ao sábado a xornada cando o considere necesario).
A Ministra de Traballo, o Goberno, debería concretar e aclarar en que consiste a flexibilidade laboral que propón, xa que non semella casual a coincidencia neste aspecto coa UE (representante do gran capital). Máis criticábel é a postura dos sindicatos sistémicos CCOO e UGT, que manteñen unha actitude pasiva sobre o tema, mentres que “chupan cámara nos medios” (e algo máis?...).
[Vigo, 27 de setembro de 2021]
https://obloguedemera.wordpress.com/