A FGAMT-CIG reclama a negociación do convenio do sector téxtil, a recuperación do poder adquisitivo e a redución da xornada anual

Advirte a CCOO e UGT de que non poden asinar un convenio como o anterior, que provocou unha perda de poder adquisitivo dun 10,3%
Nacional - 10 Dec 2024

Delegadas e delegados do sector téxtil concentráronse esta mañá diante da sede da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) para exixir que se retomen as negociacións do convenio colectivo, que atinxe a arredor de 10.000 traballadoras galegas -son maioritariamente mulleres- e que están paralizadas desde o pasado día 16 de outubro.

Unha mobilización coa que lanzaron, ademais, unha chamada de atención a CCOO e UGT para que non se volva repetir a sinatura dun novo convenio colectivo para o sector nas condicións nas que se asinou o anterior, que supuxo a perda dun 10,3% de poder adquisitivo para todas as persoas traballadoras.

Así o explicou Dores Martínez Castelo, secretaria nacional da FGAMT-CIG, no decurso da protesta, na que subliñou que as principais demandas da central sindical son que o incremento salarial non sexa, “baixo ningún concepto, por unha porcentaxe inferior ao 5% por cada ano de vixencia”, e que se acometa no marco da negociación deste novo convenio unha redución da xornada anual.

Respecto do incremento salarial matizou que ten que entrar en vigor desde o 1 de xaneiro de 2024 e que incorporar cláusula de revisión salarial a IPC real, cada ano, para “evitar que durante a vixencia do novo convenio as traballadoras volvan perder poder adquisitivo, como aconteceu co último, no que en 3 anos os salarios subiron un 5% e o IPC foi do 15,3%”.

Redución da xornada anual

Canto á xornada anual, actualmente no convenio colectivo da industria téxtil é de 1.818 horas. “Unha auténtica aberración”, segundo Martínez Castelo, que considerou que “si ou si ten que situarse no horizonte das 1.720 horas, que é como se propón pola parte social na mesa de negociación do convenio colectivo”.

Xunto a isto apuntou cuestións que considerou “de xustiza social” como a demanda de que desapareza o límite anual actual de 20 horas para poder ir á consulta médica. “A consulta médica ten que ser un permiso necesario, polas horas que necesite cada unha das persoas traballadoras. Non se pode limitar porque ninguén pode decidir cantas veces necesitará acudir”.

Do mesmo xeito sinalou como imprescindíbel que o novo convenio contemple que os permisos de carácter retribuído por circunstancias familiares “teñen que recoñecerse en días laborais, como así o recollen todas as sentenzas que vai ditando a xurisprudencia que coinciden en que ningunha empresa pode dar un permiso con carácter retribuído cando a persoa non ten que estar prestando servizos”.

En materia de contratación, e despois da última reforma laboral, que supuxo a aparición no sector de contratos fixos descontinuos, a CIG exixe tamén “regular esta cuestión e garantir un mínimo de 180 días de xornada ao ano, porque a maiores de ter un contrato é preciso ter traballo con salario e cotización”.

Ademais, a secretaria nacional da FGAMT-CIG incidiu en que esta negociación “debe incluír necesariamente a adaptación do seu articulado á modificación da lexislación en materia laboral, como é o caso dos permisos retribuídos, recoñecendo que se deben concederse en días laborais”.

O convenio é de carácter estatal e xusto coincidindo coa concentración recibiron a convocatoria da xuntanza da comisión negociadora para o vindeiro día 19 de decembro, ás 11:00 horas no SIMA, en Madrid.