A FGAMT-CIG insta a CCOO e UGT a retomar a negociación colectiva no sector de transportes de Lugo
A semana pasada a FGAMT-CIG de Lugo denunciaba a parálise da negociación do convenio provincial do transporte de viaxeiros/as por estrada a causa do "pasotismo" de UGT e CCOO, que non asistiron á reunión acordada na comisión negociadora. Pero este non é o único marco regulador do sector estancado, pois o convenio provincial de transportes de mercadorías tiña vixencia até finais de 2013, e a última revisión salarial que se fixo corresponde a ese ano.
En novembro de 2014, ao remate do convenio, constituíuse a mesa negociadora, mais dende a reunión en maio de 2015 non se celebrou ningunha nova xuntanza. A diferenza do transporte de viaxeiros/as por estrada, no convenio de mercadorías a maioría da representación tena CCOO (66%), seguida da UGT (20%) e a CIG (13%)
Nesa última reunión, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, existía unha proposta en materia salarial insuficiente, que implicaba conxelación salarial para 2014, un incremento de 0.5% para 2015 e do 1% para o ano 2016. "Durante os anos 2014 (IPC real -1%), 2015 (IPC real 0%), 2016 (IPC real 1,5%) e no que vai de ano (IPC interanual agosto 1,6%) acumúlase un diferencial negativo importante para os salarios dos traballadores/as do sector, ao que hai que engadirlle as axudas de custo sen actualizar, concepto que na maioría das empresas adianta o propio persoal", denuncia López.
Á vista da situación, dende a CIG ínstase aos sindicatos estatais a retomar a negociación colectiva e a que promovan, como centrais que ostentan a maioría da representación, "as actuacións necesarias para garantir sentar á mesa a unha patronal que emprega o marco do convenio sen recoñecer a existencia de xornada extraordinaria, nocturnidade e sen garantir os descansos mínimos dos traballadores/as nos seus domicilios, entre moitos outros incumprimentos".
"Dende a CIG lamentamos a posición de desleixo do sindicalismo español aínda cando dispoñen das maiorías representativas que os debera obrigar no marco da negociación colectiva. Neste senso, logo de preto de catro anos sen conseguir convenio no sector de transporte de mercadorías de Lugo por K.O. técnico, compre que alguén dea explicacións aos traballadores/as das razóns que puideron motivar tal neglixencia", asevera López Carmona.