A FGAMT-CIG demanda o desbloqueo da negociación do convenio de mercadorías de Lugo
A FGAMT-CIG realizou na mañá do luns unha concentración diante da Confederación de Empresarios/as de Lugo (CEL) para esixir o desbloqueo da negociación do convenio colectivo provincial de transporte de mercadorías, sen actualizar dende o 31 de decembro de 2013.
A última reunión da mesa de negociación, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López Carmona, tivo lugar en maio de 2015, e dende entón non se produciu ningún avance, polo que os traballadores e as traballadoras do sector, que engloba a arredor dunhas mil persoas, "levan cinco anos coas condicións laborais conxeladas e están perdendo cartos, xa que a última revisión salarial que se fixo foi en 2013".
Actualizar as axudas de custe e regular as xornadas
López Carmona sinala que no transporte de mercadorías por estrada unha parte importante dos gastos veñen derivados das axudas de custe (aloxamento e manutención), que na maioría das empresas adianta o propio persoal, "o que fai aínda máis urxente actualizar o convenio, á vista do incremento do IPC nestes últimos anos".
Para o sindicalista tamén resulta fundamental regular no próximo convenio a xornada extraordinaria, o traballo en domingos e a nocturnidade, así como establecer medidas para garantir os descansos mínimos dos traballadores/as nos seus domicilios. A falta de regulación destas cuestións, subliña, ten afondado na precarización do sector e que esta estea cada vez máis estendida.
O responsábel da FGAMT-CIG matiza que hai un colectivo de 500 traballadores e traballadoras con representación sindical, pero hai outros tantos traballadores/as, en pequenas empresas, que non teñen representación. "É preciso retomar de xeito inmediato o proceso negociador e acadar un convenio digno para pór coto aos abusos da patronal". concluíu.