Esixen a readmisión dos dous despedidos por Depisa en represalia por intentar organizarse sindicalmente
A Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña denuncia o despedimento inxustificado dos dous traballadores da empresa Depisa Coating Solutions SL (antiga Desoxidados y Pinturas Industriales SA) que estaban a tentar organizarse na empresa despois de que o seu persoal se vise indefenso durante o conflito vivido na refinería de Repsol a raíz do accidente mortal ocorrido en marzo.
A FCM-CIG chama a atención sobre o feito de que ambos despedidos "foron os compañeiros de Depisa que máis deron a cara durante o conflito", xa que participaran activamente nas mobilizacións para reclamar o esclarecemento da causas do accidente que causou a morte de Unai Martínez e deixou ferido outro traballador e na demanda dunhas condicións dignas para o persoal das contratas de Repsol.
"A consecuencia da indefensión que sentiron nese proceso por carecer de organización sindical, viñan de constituír uns días antes a nova sección sindical da CIG, e de feito xa estaban a traballar na confección dunha candidatura e a recoller apoios entre todo o persoal para promover as primeiras eleccións sindicais libres nesta empresa en máis dunha década", subliña Mario Maceiras, secretario comarcal da FCM-CIG.
Por iso, entende que o despedimento fulminante destes dous compañeiros constitúe unha represalia da empresa, que nin sequera agardou a que rematasen a xornada de traballo para comunicarlle o cese. Denuncia Maceiras que a compañía utiliza "o falso argumento da falta de traballo" para xustificar a medida, "cando Depisa ten garantida carga de traballo para todo 2022 na refinería, onde leva moitos anos desenvolvendo actividades de mantemento".
A CIG iniciará as accións legais e sindicais oportunas
Diante destes inadmisíbeis feitos, a CIG iniciará as accións legais e sindicais que sexan precisas para esixir a readmisión dos dous traballadores "que levan moito tempo nesta empresa, aínda que por culpa da precariedade dos contratos efectuados por Depisa apenas teñan antigüidade". Esta estratexia empresarial, advirte Maceiras, ten como obxectivo que o persoal "estea dócil e submiso, e poder cesar a baixo custe a calquera que se atreva a alzar a voz contra os abusos laborais, como viñan de facer estes dous compañeiros".
Por outra parte, a FCM-CIG denuncia que este tipo de comportamentos poñen en cuestión non só o cumprimento da legalidade e das máis básicas garantías sindicais e democráticas, "senón incluso o suposto compromiso por Repsol de que non habería ningún tipo de represalias (nin na principal nin nas subcontratas) polo conflito laboral ou as mobilizacións; mais á vista salta que algunha das subcontratas non está dispostas a partillar este compromiso".