A FCM-CIG convoca concentración na CEC en demanda dun convenio digno para a carpintería
A Federación de Construción e Madeira da CIG ten convocada concentración para o próximo mércores, 13 de xullo, ás 12:00 horas, diante da sede da patronal coruñesa (Praza de Luis Seoane) en demanda dun convenio digno para a carpintería e ebanistería da madeira. A mobilización ten carácter provincial e desenvólvese coincidindo coa segunda xornada de folga convocada no sector ante a negativa patronal a garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, introducir un plus de quendas e regular as condicións do persoal desprazado.
Estas son as principais reivindicacións da parte social, mais despois de meses de negociación, a patronal négase a asumir ningunha das demandas malia estar nun momento "no que hai máis carga de traballo que nunca e no que existe unha gran demanda de man de obra". Por iso, as centrais sindicais acordaron a convocatoria de catro días de folga que se iniciaron o pasado 29 de xuño, nunha xornada que rexistrou un amplísimo seguimento. Cómpre destacar que neste sector había practicamente 40 anos que se non se convocaba folga.
A FCM-CIG subliña que a única liña vermella da parte social é o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, algo fundamental nestes momentos tendo en conta que o custe da vida está disparado e o IPC non deixa de medrar. "Pero a patronal segue enrocada na súa oferta dun 3,1% de incremento salarial para 2021, o que suporía que o novo convenio arrancaría xa cun 3,4 de perda do poder adquisitivo do persoal"
A isto hai que sumar que a patronal pon topes a todos os incrementos futuros até o 2025 nun 5%, rexeita a creación dun plus de quendas (como xa existe noutros convenios do sector), regular no convenio os desprazamentos do persoal montador a obras fóra de Galiza, incluíndo o dereito á fiscalidade 7P que evite ter que tributar dúas veces; e tampouco quere crear as categorías técnicas malia ser unha realidade na maioría das empresas do sector dende hai anos.
Ante a postura inmobilista da patronal, a FCM-CIG chama a todas as traballadoras e traballadores do sector a secundar masivamente as xornadas de folga dos días 13, 27 e 28 de xullo, e participar tanto dos piquetes informativos como da concentración convocada na sede da CEC.
O convenio de carpinterías e ebanistería de madeira da provincia da Coruña afecta a un cento de empresas e a arredor de 5000 traballadores e traballadoras.