A falta dunha política industrial de país ameaza o futuro da automoción galega
A CIG anunciou hoxe a posta en marcha dunha campaña de información, concienciación e mobilizacións en defensa da automoción galega ante o futuro incerto ao que se enfronta o sector como consecuencia da falta dunha política industrial de país por parte da Xunta. A primeira protesta consistirá nunha manifestación este xoves 16 en Vigo dende As Travesas até Stellantis ás 18:00 horas.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, compareceu esta mañá en rolda de prensa en Vigo xunto á responsábel da Coordinadora da Automoción da federación, María Xosé García, para alertar sobre as ameazas que comprometen o futuro dun sector do que dependen milleiros de empregos no noso país e para denunciar os insoportábeis niveis de precariedade e de inestabilidade laboral que padecen os cadros de persoal das empresas instaladas maioritariamente nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense.
Os responsábeis sindicais abordaron polo miúdo tantos os retos aos que se enfronta o sector como as actuais condicións de traballo, debullando en primeiro lugar a ameaza que se cerne sobre a automoción galega no actual proceso de transformación da industria do automóbil. “A falta dunha política industrial de país por parte da Xunta e a ausencia de investimentos por parte da empresa principal, Stellantis, de cara á fabricación de novos modelos de vehículos eléctricos comprometen seriamente a supervivencia do sector”, advertiron.
Até o punto de que o noso país non rexistrou a instalación dunha nova empresa de compoñentes dende que se puxo en marcha o proceso de descarbonización e se anunciou a prohibición de fabricar coches de combustión a partir de 2030. “Nin a fábrica chinesa que se anunciara para Vigo primeiro nin a de baterías que ía vir despois saíron adiante, mentres vemos como se están a reforzar os polos industriais do norte de Portugal, de Aragón-Araba ou mesmo o africano”.
Por iso reclaman de Stellantis -da que dependen a práctica totalidade das compañías de compoñentes instaladas en Galiza- que faga público o plan industrial que vai aplicar nos vindeiros anos. “Xa que estamos a ver como nestes momentos está a fabricar o mínimo de vehículos eléctricos esixido para poder manter o proxecto”. Mentres que tanto da Xunta como dos Concellos das localidades nas que se atopan as fábricas demandan unha aposta decidida de cara a garantir a continuidade da actividade e do actual volume de empregos.
Por todo isto, anuncian a posta en marcha dunha campaña de información entre a sociedade “porque temos que ter moi claro que sen non fabricamos novos modelos de vehículos eléctricos o sector galego do automóbil vai desaparecer”, de concienciación entre os cadros de persoal (que xa se iniciou con repartos de folletos explicativos nas fábricas) e de mobilizacións, comezando cunha manifestación este xoves 16 dende As Travesas até a porta de Stellantis ás 18:00 horas.
Cada vez maior precariedade
Ao mesmo tempo, aproveitaron a comparecencia para poñer o foco no imparábel proceso de precarización laboral que está a experimentar o sector galego da automoción nos últimos tempos, “un sector no que proliferan os ERTE, a desregulación da xornada e dos horarios e os baixos salarios”. Até o punto de que as compañías están a utilizar a industria galega do automóbil como “banco de probas” para ensaiar novas fórmulas de aforro de custes en man de obra e de optimización de recursos para tirar os máximos beneficios precarizando as condicións de traballo.
En concreto censuraron o “abuso” que fan as empresas duns ERTE que deixan na casa a cada traballador/a unha media de 45-80 días ao ano, “cando se supoñía que se trataba dunha medida excepcional implantada primeiro pola covid e despois pola falta de microchips e de compoñentes.
Na CIG entenden que estas situacións están xa superadas, polo que rexeitan que as administracións continúen a sufragar con cartos públicos o sistema de flexibilidade encuberta que supoñen os ERTE. “Non hai que esquecer a degradación das condicións que supón a súa aplicación, xa que o persoal de ETT -maioritario no sector- non cobra cando vai ao ERTE (chegando a percibir salarios de 300-400 euros ao mes), mentres que o eventual ten que gastar o paro cando non ten tempo acumulado suficiente; e no caso do persoal fixo ao ter dous pagadores os seus soldos tamén se ven reducidos ao verse obrigados a pagar máis na declaración da renda”.
E todo isto mentres se seguen a traballar noites, fins de semana e festivos, incluso suspendendo vacacións do persoal, “para logo mandar a xente para casa tres días durante a semana”. Na central consideran falsos os motivos esgrimidos polas empresas para xustificar estas paradas na produción, “xa que se fose certo que escasean os compoñentes podían parar para fabricar os compoñentes suficientes para garantir a actividade de xeito continuo, como por exemplo teñen proxectado facer en Portugal”.
En canto á desregulación da xornada e dos horarios, sinalan que todo o persoal do sector “semella xa de ETT, vivindo pendente do teléfono por se ao chaman a traballar, sen saber que día vai ir nin cantas horas, o que fai totalmente imposíbel a conciliación da vida laboral e familiar”.