A falta de subministros obriga a suspender probas na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
A CIG-Saúde denuncia que a falta de subministros está a provocar a suspensión de probas diagnósticas tan importantes como os TAC na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Ademais, o hospital Montecelo atópase dende novembro sen equipo de resonancia magnética.
Os últimos acontecementos na área de Pontevedra-Salnés son bo exemplo da delicada situación que atravesa a sanidade pública galega, tal e como sinalan dende a central sindical. Até o punto de que o servizo de radioloxía dos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra e do comarcal do Salnés tivo que suspender a realización de TAC por falta da substancia que se utiliza como contraste nesta proba diagnóstica.
Segundo explican dende a CIG-Saúde de Pontevedra, a escaseza de contraste dáse cando menos dende hai 10 días, pero non foi até hoxe cando se comezaron a suspender os TAC. “Nos dous primeiros centros quedaba substancia para unhas sete persoas, mentres que no Salnés só para dúas”, detallan.
Polo que os hospitais decidiron realizar unicamente as probas máis urxentes e gardaron 2-3 doses de contraste por se se presentaba unha urxencia, quedando só no Provincial até 15 TAC sen facer. “Dende os centros puxéronse en contacto coa Xerencia da área sanitaria, pero aínda non lles deron unha resposta; ademais, comunicáronse cos hospitais de Vigo, que ao parecer si que teñen contraste para cederlles”.
Compras centralizadas
Diante disto, dende a central sindical pregúntanse como é posíbel que os centros vigueses teñan doses de sobra mentres escasea no caso dos pontevedreses, tendo en conta que as compras realízanse de xeito centralizado. “É certo que existen problemas de subministro por parte das farmacéuticas, especialmente coa que máis traballa o Sergas, pero alguén debera dar a cara e explicar o que está a acontecer; e sobre todo poñer unha solución urxente enriba da mesa”.
Por outra banda, a CIG-Saúde lamenta tamén o que está a acontecer co novo equipo de resonancia magnética posto en marcha recentemente no hospital Montecelo. “Cambiaron o aparato e tiña que comezar a funcionar a mediados de xaneiro, pero sufriu unha fuga de helio que está a ser investigada pola policía para ver se se tratou dunha sabotaxe ou dunha mala manipulación, tal e como sostén a empresa; o caso é que dende novembro non temos equipo de resonancia”.