A falta de carga de traballo ameaza o futuro de Faurecia Interior Systems
O comité de empresa de Faurecia Interior Systems, empresa dedicada á fabricación de componentes para o sector da automoción con sede no Porriño, vén de amosar a súa preocupación pola falta de carga de traballo, que mesmo podería comprometer a viabilidade da compañía a medio ou longo prazo. O cadro de persoal teme que o ERE temporal anunciado pola dirección poida supoñer finalmente despedimentos no caso de que non se consigan novos proxectos.
Desde a representación dos traballadores/as de Faurecia Interior Systems, situada no polígono industrial das Gándaras e que fabrica pezas de interior en fibra de madeira para distintas marcas de automóbil, expresaron a súa preocupación polo feito de que a actual falta de carga de traballo mesmo podería poñer en risco a propia supervivencia da empresa.
Neste senso, explican que os problemas inícianse en 2012 cando se comezan a perder proxectos e non se logra ningún novo en todo este tempo. “As expectativas son cada vez peores, xa que a previsión é que en 2018 a empresa quede co 40% da actual carga de traballo”, indican. De feito, o cadro de persoal está integrado na actualidade unicamente por 125 traballadores/as.
Temor a que o ERE se transforme en extintivo
Lembran que nos últimos anos desapareceron todos os empregados/as eventuais e ningunha das xubilacións que se produciron foron substituídas. Ademais, a dirección xa anunciou a súa intención de presentar un ERE temporal a finais de outubro que afectará ao conxunto do cadro de persoal e que suporá a paralización da actividade da fábrica durante o tempo de vixencia. “Temémonos que o ERE se convirta en extintivo a medio prazo e que supoña despidos”, conclúen.