A EPA do III Trimestre confirma o incremento da precariedade e o repunte da temporalidade
A EPA do terceiro trimestre amosa, como adoita ocorrer no período estival, unha mellora nos datos do emprego. Porén, o que desta volta confirman tamén é un aumento da precariedade e o repunte da temporalidade. Cuestións, ambas as dúas, que a CIG xa viña denunciando en trimestres anteriores. Por iso o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, reitera a necesidade de que se derroguen as reformas laborais, para que se poida crear emprego digno.
Así as cousas, a taxa de paro en Galiza é do 9,3%, cun total de 117.200 persoas desempregadas. Se ben é certo que a poboación activa aumentou, os datos polo miúdo constatan que ese incremento se produciu maioritariamente entre a mocidade, que aproveita este período do ano, non lectivo, para incorporarse ao traballo remunerado.
De feito, ese incremento correspóndese, sobre todo, con menores de 24 anos e en actividades relacionadas co tempo libre, isto é, do sector Servizos, aínda que tamén aumenta a ocupación no sector da Construción. “Trátase de actividades moi ligadas ao traballo precario e estacional”, apunta González Sío, que tamén sinala os sectores da Hostalaría, as Actividades Sanitarias e de Servizos Sociais.
Poboación ocupada por rama de actividade. Datos en miles
O secretario confederal de Emprego advirte, ademais, do incremento da taxa de temporalidade, que se sitúa no 17,6%, con 20.000 persoas con contratos temporais máis que no trimestre anterior, mentres que se reduciron en 3.000 os contratos indefinidos. “Isto ten que ver, como vimos nos datos do paro do mes anterior, con que se está volvendo ao punto de partida. Vólvese abusar do contrato por circunstancias da produción, do contrato temporal e ese medo que había por parte da patronal, a que se pasaran a indefinidos unha parte do cadro de persoal, xa se perdeu”, explica, matizando que se trata dun contrato que “afecta ás persoas novas e en actividades moi precarias”.
Aumentan o número de horas traballadas
Xunto a isto, segundo os datos da EPA, e con respecto ao terceiro trimestre do pasado ano, aumentou o número de persoas que traballan entre 40 e 49 horas en 10.000 e as que traballan máis de 79 aumentaron en 1.500. Para González Sío, o que está sucedendo é que, “moi á contra do que se di, traballamos máis, e iso sen contar as persoas que teñen contratos a tempo parcial e están traballando horas en negro, que non cotizan, ou as horas extra que se pagan en 'B', e tampouco cotizan. Se se fixera realmente unha mostra das horas que se traballa é evidente que estaría moi por riba das 40 horas e mostraría o grao de precariedade tamén na xornada”.
Por iso considera que o que hai que facer é “obrigar a que se cumpra o rexistro de xornada, atacar a fraude na horas que non cotizan e despois, por suposto, acometer unha redución da xornada laboral”.
Medidas que, para a CIG, “pasarían pola derrogación das reformas laborais, para que as traballadoras e traballadores recuperaran a forza que tiñan antes nas mesas de negociación e que alí levaran as rebaixas de horas, como se fixo toda a vida”.
En todo caso reclamou que o número de horas se rebaixe dunha forma significativa porque “temos unha diferenza de xornada con respecto do resto dos países de Europa occidental moi grande e iso vai en detrimento da saúde das e dos traballadores”.