A EPA confirma a gravísima situación laboral en todas as idades, sexos, sectores e provincias
Os datos da EPA do I Trimestre de 2021 amosan unha estampa demoledora sobre a situación laboral en Galiza, cun empeoramento xeneralizado de todas as variables do mercado laboral. A taxa de paro increméntase até o 13%, 1,3 puntos porcentuais máis que respecto do último trimestre do ano 2020, con 158.300 persoas desempregadas, 15.700 máis que no trimestre anterior. E xunto a isto descende a taxa de ocupación e actividade.
Diante deste panorama, o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, alerta de que “a situación é tan grave que non hai xa nin un só indicador que non empeore, porque tanto a poboación activa, como a ocupada ou a desempregada teñen unha evolución moi preocupante neste primeiro trimestre do ano”.
De feito, respecto da poboación ocupada, estímase un descenso de máis de 21.000 persoas. Unha caída do 2% respecto ao trimestre anterior. Desta forte caída da ocupación, a maior parte das persoas que perderon o emprego pasaron a ser desempregadas, concretamente 15.700, o que fixo medrar o paro un 11%.
Con todo, non se pode esquecer que unha parte importante abandonou o mercado de traballo, xa que se estima que se reduciu a poboación activa en 5.400 persoas, afondando así na perda de poboación activa, “un dos indicadores máis preocupantes da situación laboral en Galiza”, segundo salienta o secretario confederal de Emprego.
Neste sentido subliña que a perda de ocupación “afectou a todos os grupos de idade, a ambos os dous sexos e a todos os sectores económicos, ademais, nas catro provincias, é dicir, a todo”.
Políticas sociais imprescindibles
Os datos confirman, pois, para Fran Cartelle “a profundidade da crise derivada da pandemia, mais tamén a profundidade da crise que arrastrabamos antes dela”. Ademais a perda de emprego no sector industrial, cando até o de agora o sector Servizos era o máis afectado por mor das restricións, pon de manifesto tamén “as graves consecuencias que está a ter o proceso da chamada dixitalización e descarbonización co conseguinte desmantelamento do sector e destrución de postos de traballo”.
Por iso o secretario confederal de Emprego denuncia as “inxustas políticas que están adoptando os gobernos á hora de xestionar esta crise”, nomeadamente a solucións dos ERTE, “porque as empresas poden combinar outros instrumentos da reforma laboral”. E chama a atención sobre a situación de “desamparo” na que se atopa o persoal temporal que quedou fóra xa ao principio da crise sanitaria e non se puido beneficiar nin dos ERTE, nin das medidas de protección social aprobadas neste período.
Por iso exixe non só a derrogación das reformas laborais senón tamén “políticas públicas que garantan unhas condicións de vida dignas para as traballadoras e traballadores” que tan mal o están pasando.
Ademais demanda a intervención pública no sistema financeiro, coa xestión directa dos fondos europeos; a formalización dun concerto económico co Estado; a creación dun Banco Público Galego e a participación da Xunta en proxectos empresariais chave ou a nacionalización de empresas como Alcoa ou Alu Ibérica. Todo isto ademais cunha fiscalidade progresiva e xusta e o aumento do I+D+i.
Reclama ademais unha transición enerxética xusta, o reforzo dos sectores estratéxicos, a posta en marcha dun plan de conciliación e que se fixe por lei o SMI do 60% do salario medio, tal e como marca a Carta Social Europea, coa supresión do IPREM. Isto xunto co establecemento dunha renda de inserción laboral e social da contía do SMI e a prohibición dos ERES, ERTEs, modificacións de condicións… “sen previa autorización administrativa e acordo co persoal”, ademais da eliminación das ETTS, as empresas multiservizos, a figura de falsos/as autónomos/as ou a subcontratación en cadea”.