A EPA confirma a fraxilidade do mercado laboral galego cun incremento do desemprego e da contratación temporal

As mulleres pagan a factura da precariedade laboral en Galiza, cun medre do paro feminino dun 25,5%
Nacional - 27 Out 2026

Os datos da EPA confirman a diagnose que a CIG leva anos facendo. Tanto cando saen os datos do SEPE, como cando se publican os da Enquisa de Poboación Activa evidénciase a fraxilidade do mercado laboral galego e como, dependendo da estacionalidade ou do recente proceso de regularización, varían de forma substancial os datos do paro e tamén saen á luz problemas estruturais do mercado laboral.

Á vista dos datos, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, subliña que para a CIG esta cuestión é especialmente relevante, porque dependendo do ano e do trimestre no que esteamos, varían os datos de crecemento ou de perda de emprego nos diferentes sectores. “Vemos como neste trimestre aumenta considerablemente o número de persoas ocupadas no sector da Administración pública, mentres que, pola contra, no sector da construción ou na hostalaría, curiosamente, a pesar das datas do ano nas que se encadra este terceiro trimestre, pérdese emprego”, apunta.

E é que malia o incremento da ocupación, propio do período estival, o aumento da poboación activa non se traduciu integramente en emprego: das 40.800 persoas que se incorporaron á poboación activa, 21.400 atoparon traballo e 19.400 pasaron ao desemprego.

Ademais, a Administración pública concentrou o 76% do emprego neto creado, con 16.300 persoas ocupadas máis. Porén, o comercio e a hostalaría perderon 3.700 persoas ocupadas, aínda coincidindo coincidir co verán, habitualmente favorable para estas actividades.

Maior rotación

Por iso, González Sío sinala que estas variacións, que se repiten trimestre a trimestre, cada vez que se coñecen os datos da EPA, unhas veces nun sector e outras veces noutro, “constatan a gran rotación da clase traballadora”.

A isto engade “as facilidades que teñen os empresarios e a patronal para despedir de forma barata, o que facilita aínda máis, xunto coas modalidades de contratación máis precarias, a parcialidade, o traballo fixo descontinuo e o abuso que segue habendo na temporalidade”.

Todo isto provoca, advirte, a “incapacidade de ter unhas condicións de traballo e de vida dignas e seguras, que dean estabilidade para que as persoas traballadoras poidan traballar e vivir dignamente”. Algo que a CIG vén denunciando e que “non se consegue soster con este mercado laboral e, por suposto, con estas reformas, que o que fixeron foi aumentar esta inestabilidade e precariedade na contratación”.

O emprego creado beneficiou practicamente en exclusiva os homes: a ocupación masculina aumentou en 20.800 persoas, mentres que a feminina apenas medrou en 500; o paro feminino aumentou un 25,5%, fronte ao 13,6% do masculino; o 63% do incremento da poboación parada correspondeu ás mulleres e a taxa de paro feminina situouse no 9,24%, fronte ao 9,11% masculino.

O secretario confederal de Emprego atribúe este medre da contratación masculina ao proceso de regularización, porque a maioría das persoas que se regularizaron foron homes.

O emprego asalariado aumentou en 24.700 persoas, pero o crecemento foi moi superior nos contratos temporais, un 10,2%, fronte ao 1,4% dos indefinidos. En termos absolutos, creáronse 13.000 empregos temporais e 11.800 indefinidos.

Por iso, Francisco González Sío denuncia o aumento da temporalidade e advirte que esta atinxe máis á poboación estranxeira afectada por este proceso de regularización. “Vai sufrir a precariedade máis dura, especialmente no que ten que ver co abuso da temporalidade e, seguramente, tamén cando pase á contratación indefinida, nas modalidades indefinidas máis precarias”.

O secretario confederal de Emprego conclúe denunciando “o abuso dos contratos fixos descontinuos e da contratación a tempo parcial” que fai que “aínda que teñan un traballo, non sexan capaces de ter un salario digno e, polo tanto, non poidan saír da pobreza, mesmo sendo persoas que teñen un traballo fixo”.