A emigración acrecenta a perda de poboación activa en Galiza entre os 25 e 45 anos de idade
Os datos da EPA do III Trimestre facilitados polo INE, poñen de manifesto, máis unha vez, unha nova caída da poboación activa en Galiza. Neste trimestre o descenso foi de 1.400 persoas, mais se se compara co mesmo trimestre do ano 2017, estímase que a perda de activos e activas foi de 4.800 persoas.
A perda de poboación activa foi moi desigual segundo a idade. De feito é na poboación nas idades centrais, entre os 25 e os 45 anos, onde o descenso foi maior, en torno a 4.000 activos/as menos, aumentando lixeiramente entre a os/as menores de 25 anos.
Esta perda de poboación activa é a que contribúe ao descenso da taxa de paro, que neste último trimestre se situou no 12,2% en Galicia, 1,8 puntos menos que no trimestre anterior.
Estes datos evidencia, para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que “a xente nova colle o camiño da emigración porque é a única alternativa laboral que atopa”. Unha situación da que responsabiliza tanto ao goberno galego pola súa “inacción” como ao goberno español, por limitarse a facer políticas de propaganda. Gobernos aos que acusa de “ter nula vontade para reverter as duras políticas neoliberais que nos teñen conducido a unha situación de empobrecemento xeneralizado”.
Desaceleración na creación de emprego
No que atinxe á poboación ocupada esta situouse en 1.096.500 persoas, 20.700 máis que no trimestre anterior. Porén, no ano 2017 a poboación ocupada incrementárase en 24.000 persoas neste trimestre. É, polo tanto, unha evolución normal e esperada, pero que neste ano denota unha certa desaceleración na creación de emprego.
O emprego que se creou foi basicamente no sector servizos como persoas asalariadas no sector privado, porque en industria e construción se destruíu emprego. Medraron tanto os contratos indefinidos como temporais, estes últimos foron, a maioría, contratos cunha duración inferior ós 3 meses.
No que atinxe aos fogares, a pesar de descender neste último período, aínda se estiman 53.000 fogares con activos no que tódolos membros están parados.
Derrogación das reformas
O freo na recuperación do emprego; a proliferación de postos de traballo con baixos salarios e de escasa duración; o incremento dos contratos a tempo parcial; as cadeas interminábeis de subcontratación; a perda de poboación activa a causa da emigración e o avellentamento da poboación ou a caída do poder adquisitivo en máis dun 15% son consecuencia, para o secretario xeral da CIG, non só das nefastas políticas económicas que padecemos en todos estes anos, senón tamén das reformas laborais e da negociación colectiva.
Como exemplo das graves consecuencias da non derrogación desas reformas Carril pon o grave caso de Alcoa e exixe da Xunta de Galiza políticas económicas e laborais que realmente favorezan a creación de emprego e permitan combater o aumento da pobreza laboral, da precariedade e da explotación.