A dirección do CTAG presenta unha proposta finalista de acordo de empresa que contempla dobre escala salarial
A dirección do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG) presentou onte unha proposta finalista de acordo de empresa que contempla unha dobre escala salarial, tal e como denuncia a representación da CIG. A proposta coincide coa celebración hoxe da última das mobilizacións para rexeitar a precariedade e reclamar salarios dignos e categorías xustas.
Tal e como explican dende a CIG, que preside o comité de empresa, a dirección do CTAG aproveitou a xuntanza de onte coa representación sindical para achegar unha proposta que non pretende negociar, instando ademais ao comité a asinala este mesmo venres. “É o primeiro documento que nos entregan en tres meses, e cremos que é unha manobra para intentar frear a posibilidade de que os traballadores/as apostemos por convocar folga”.
De feito, a desta mañá foi a derradeira protesta do calendario deseñado pola CIG antes de celebrar unha nova asemblea de traballadores/as para acordar novas medidas de presión, que nesta caso pasarían por unha convocatoria de folga. Na concentración ás portas de BorgWarner, que é outro dos clientes do CTAG, participou tamén o propio comité de BorgWarner para solidarizarse coa loita do persoal do CTAG.
Asemblea de traballadores/as
Segundo denuncian dende a central, a proposta contempla unha suba salarial de 3000 euros brutos nos tres anos de duración do acordo (a razón de 1000 euros ao ano), “pero introducen unha serie de excepcións para non ter que aplicarlla a todos os grupos laborais (novos/as traballadores/as, grupos aos que xa se lles aplicaron melloras), o que na práctica constitúe o establecemento dunha dobre escala salarial”.
Por iso a CIG, a falta de analizar con máis detalle o documento, avanza a súa negativa a asinalo, aínda que convocará unha asemblea de traballadores/as a próxima semana para debater a proposta e decidir se se acepta ou se opta por convocar novas medidas de presión.