Desconexión dixital: o que AXA vende como avance non é máis que o dereito a non traballar fóra da xornada
Diante das informacións publicadas na prensa a respecto da inclusión da chamada "desconexión dixital" no convenio colectivo de AXA Seguros como un gran avance nos dereitos laborais, os sindicatos con representación minoritaria na empresa (CIG, CGT, ELA e LAB) emitiron un comunicado aclarando que o novo articulado do convenio "nin garante un dereito que non estivera xa recoñecido para o persoal da compañía, nin tampouco garante un dereito que non teñan xa todas as empresas".
Neste senso, sinalan que o dereito á desconexión dixital non consiste en que a empresa recoñeza "o dereito dos traballadores e as traballadoras a non responder aos correos electrónicos ou mensaxes profesionais fóra do seu horario de traballo". É dicir, a non traballar fóra da xornada laboral, pois iso xa está regulado no Estatuto dos Traballadores/as, na normativa sobre xornada laboral e horas extraordinarias.
Polo que, engaden, "do mesmo xeito que non fai falta incluír en convenio que non hai que traballar estando de baixa ou de vacacións, tampouco fai falta incluír que non hai que traballar fóra da xornada laboral". Vender este feito, como un gran avance é "unha tomadura de pelo", cando na realidade "o único novo é o título do artigo". "Estase dando a entender que, agás en AXA, os traballadores/as deben facer algo ao que realmente non están obrigados/as", denuncian.
Pola contra, a representación de CIG, CGT, ELA e LAB subliña que a "desconexión dixital" consiste en non recibir correos ou mensaxes profesionais fóra do horario laboral para evitar que, por exemplo, un/ha manager envíe un correo o sábado agardando ter os resultados para o luns á primeira hora. "A desconexión dixital o que busca é que non se teña que elixir entre defender un dereito que xa temos (e ter que enfrontarse a un xefe/a) ou quedar ben coa empresa. Se non recibimos comunicacións fóra da xornada laboral non nos poñen nesta tesitura".
Este punto era unha das demandas da plataforma presentada polas Seccións Sindicais de CIG, CGT, ELA e LAB para o novo convenio colectivo de AXA (no apartado de "Horario"), pero que a empresa se negou a aceptar.
Perda de dereitos na negociación dos últimos convenios
Ademais, dende a Sección sindical da CIG, denuncian que hai unha perda continuada de dereitos dos traballadores e traballadoras na negociación dos últimos convenios e que, entre outras reivindicacións presentadas na mesa, a empresa negouse a:
-Incluír unha cláusula antidescolgue do convenio (xa que antes do vencemento do anterior convenio a empresa fixo un descolgue de horarios).
-Compromiso de manter o peso actual do emprego nas distintas territoriais e non centralizar máis os servizos (que significaría mantemento de emprego en Galiza).
-Incluír unha cláusula de garantía do poder adquisitivo para o persoal de AXA e aceptar un aumento salarial para todo o cadro de persoal (despois de que a compañía declarara no último ano 136 millóns de beneficios).
-Eliminación da dobre escala salarial para as novas incorporacións (introducindo ademais no novo convenio unha dobre escala horaria para os novos contratos).
-Incluír no plan de pensións da compañía un único tramo para todo o cadro de persoal sen discriminacións polo salario percibido.