A CRTVG só permite o teletraballo até setembro para quen acredite certas necesidades de conciliación
A CIG, CUT, e CCOO na CRTVG teñen presentado conflito colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, por mor da negativa do ente público a negociar coa representación social un proceso de "desescalada" propio e permitir o teletraballo até o 14 de setembro non só para quen acredite necesidades específicas de conciliación, senón que tamén inclúa outras circunstancias previstas na normativa.
Nun comunicado, as tres centrais condenan a "inaceptábel negativa empresarial de recoñecer a lexitimación da representación sindical na CRTVG para negociar as súas propias condicións de reincorporación, no que representa un atentado sen precedentes ao dereito fundamental de liberdade sindical na canle pública"; advertindo que "chegaremos até o final na defensa do noso dereito á negociación colectiva, como o mellor instrumento para a defensa das condicións de traballo máis favorábeis para o conxunto das traballadoras e traballadores da CRTVG".
Neste senso, explican que na reunión mantida o luns, a dirección de Recursos Humanos rexeitou a proposta da parte social de retirar a demanda de conflito colectivo se a empresa admitía un ámbito propio de negociación para o teletraballo, tendo en conta as circunstancias especiais establecidas na resolución da Xunta sobre a reincorporación do seu persoal.
A resolución da Xunta abre a posibilidade de estender o teletraballo
A dirección do ente público limitouse en todo momento a aplicar o protocolo da Xunta, pretendendo a incorporación todo o persoal ao seu posto o 28 de xuño, malia que a resolución de medidas adicionais, publicada o pasado sábado, abre a posibilidade de estender o teletraballo ao persoal que acredite circunstancias especiais e recoñece agora unha prórroga de tres meses posterior ao remate do estado de alarma, que a representación de CIG, CUT e CCOO lle viñan reclamando á dirección da CRTVG e que esta negou.
Dende mediados de maio, a representación do persoal reclamoulle á empresa que mantivera o teletraballo e a adaptación da xornada para a conciliación, sen condicionar o exercicio dunha medida á outra e durante os tres meses posteriores a finalización do estado de alarma, sen querer recoñecer a lexitimación da representación sindical na CRTVG para negociar as condicións do seu persoal.