A creación do cuarto xulgado do social en Lugo é unha necesidade inaprazábel
A Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña fai un chamamento a participar na manifestación que ten convocada para o xoves 25 de outubro en demanda da creación do cuarto xulgado do social. Unha reivindicación pola que a CIG leva anos pulando e que se ten convertido nunha necesidade inaprazábel tendo en conta que se están fixando para o ano 2021 xuízos por reclamacións de cantidades ou por incapacidades.
"Se a xustiza non é rápida non se pode considerar xustiza", aseveraba o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, que compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto ao secretario nacional do sector de Xustiza da central sindical, Xesús H. Sánchez, para avaliar a situación de colapso na vía do social. Niño animou a toda a cidadanía a participar na manifestación do próximo xoves, que sairá ás 20:00 horas dende os locais do sindicato na Ronda da Muralla e rematará diante do edificio dos xulgados.
A clase traballadora, a gran prexudicada
O responsábel sindical chamou a atención sobre o feito de que é a clase traballadora a gran prexudicada por estas demoras, mentres que a patronal sae beneficiada. De feito, engadiu, hai moitos traballadores e traballadoras que desisten de facer reclamacións de cantidades “porque saben que terán que agardar como mínimo dous anos”. "Isto é moi grave e inxusto, e incluso discriminatorio coa nosa provincia", aseverou. Neste senso, destacou que nunha provincial de características similares como a de Ourense existen catro xulgados do social fronte aos tres cos que conta Lugo.
Niño alertou do colapso no que se atopa a xurisdición do social en Lugo e culpou desta situación aos recortes de persoal e á amortización de prazas sufridos nesta administración, xunto ao incremento das demandas e reclamacións a causa da crise económica e das contrarreformas laborais aprobadas baixo este pretexto.
Situación discriminatoria
Pola súa banda, Xesús Sánchez considerou que "non é asumíbel” que se estean sinalando xuízos para marzo e abril de 2021 e no caso dos despedimentos -que son expedientes rápidos- as datas sexan para marzo de 2019. En cambio, seguindo coas comparanzas, en Ourense hai xuízos por despedimento sinalados para xaneiro, é dicir, "dous meses antes".
Pero ademais, Sánchez referiuse diferenza que existe entre o persoal das administracións públicas (cuxos procesos van pola vía do contencioso-administrativo) e o resto dos traballadores e traballadoras, suxeitas á xurisdición do social. "A estas alturas xa non nos vale coa xuíza de reforzo que nos puxeron durante un ano, é preciso crear de inmediato o cuarto xulgado", aseverou.
Sobre este reforzo, lembrou que estivo tres meses paralizado pola folga do persoal de xustiza, e que foi retirado sen aviso o pasado mes de xuño, provocando que un proceso de carácter ordinario citado para ese mesmo mes ficara aprazado para o 28 de outubro de 2020, ou que xuízos de carácter urxente pasaran do 15 de xuño ao 10 de decembro.
Cos datos enriba da mesa, Sánchez explicou que en Ourense hai un xulgado do social por cada 78.000 habitantes, mentres que en Lugo a proporción é dun xulgado por cada 112.000 habitantes. Atendendo ao número de persoas afiliadas á Seguridade Social, en Ourense existe un xulgado por cada 25.000 asalariados/as mentres que en Lugo é por cada 39.000 afiliados/as. Máis cifras, exceptuando A Coruña e Vigo (cidades que case triplican a poboación da capital lucense), Lugo é cidade galega na que máis asuntos entran nos xulgados do social, cunha taxa moi superior a que se rexistra en Compostela (1.026 asuntos fronte a 919).
O secretario de CIG-Xustiza matizou que a situación de colapso non se debe á lentitude nas resolucións, pois o índice de solución de asuntos é superior ao que se dá en Pontevedra ou Ourense, senón á acumulación continuada no tempo de expedientes pola falta do cuarto xulgado do social. Tanto é así que o índice de conxestión duplica ao desas cidades.
Pero esta discriminación en materia de administración de xustiza vai máis alá da orde do social. "O último xulgado que se creou en Lugo foi no ano 2010, e foi o xulgado de vixilancia penitenciaria de Galiza. Levamos 8 anos discriminados totalmente, e mentres aquí non se avanzaba nada, creáronse xulgados do social en Pontevedra, Santiago e Ourense", recalcou.
Por iso, dende a CIG de Lugo faise un chamamento á participación na manifestación do día 25, para rematar con esta situación inxusta e que se poña en marcha de inmediato o cuarto xulgado do social.