A Coruña, a cidade espoliada
A Coruña ten no seu historial unha extensa mostra de actuacións políticas, tanto desde o goberno central como desde a Xunta de Galiza e o propio Concello, que implican un espolio continuado dos terreos públicos desta cidade. Un espolio que amosa claramente como o poder político se vendeu claramente a intereses alleos ao interese xeral do pobo coruñés e das súas maiorías sociais. Un espolio que nalgúns caso foi dirixido directamente desde o Palacio Municipal de María Pita, co vazquismo como exemplo paradigmático da especulación e a privatización de espazos públicos, e noutros nos que a propia maquinaria política estatal impuxo os seus criterios de venda e privatización do que un día foron espazos e terreos comunais ou de titularidade municipal.
A especulación cos terreos do Campo da Estrada.
A polémica xerada neste momento coa poxa aberta polo Ministerio de Defensa para tirar beneficio dos terreos do Campo da Estrada na Maestranza é unha nova mostra máis de como A Coruña abre un novo capítulo como cidade espoliada. O Goberno central pretende vender tres parcelas nos arredores do cuartel de Atocha e da Reitoría da Universidade que suman un total de 5.316 metros cadrados e unha superficie edificábel de 29.262 metros, conseguindo embolsar deste xeito 24,8 millóns de euros.
Eses terreos, cos que agora o Ministerio de Defensa pretende especular, son bens propios da cidade, formaron parte do seu sistema defensivo, de aí a existencia de restos arqueolóxicos e rexistrados no ámbito dos Bens de Interese Cultural (BIC). De feito, houbo xa no seu momento, nada menos que en 1858, unha demanda de devolución deses terreos aprobada polo Pleno do Concello da Coruña. A reacción do absolutismo monárquico daquela altura foi o mesmo que o desta democracia depreciada: o que prima non son os intereses do pobo da Coruña e os seus ben propios senón a especulación e o espolio.
A CIG, como organización que apoia todas as demandas da Comisión Aberta en Defensa do Común, e que participa nas mobilizacións programadas para concienciar o pobo coruñés da necesidade de loitar pola devolución deses terreos, chama a participar na concentración convocada nos propios terreos o xoves 7 de abril ás 20 horas (na Avenida do Metrosidero, ao carón do Cuartel de Atocha). Como CIG entendemos que só desde a toma de conciencia do saqueo ao que está sometida esta cidade e a consecuente mobilización social, poderemos frear esta sangría especuladora, que agora se nos presenta ao carón mesmo do corazón da Cidade Vella, como antes se presentou noutros puntos da cidade e en breve tamén se evidenciará nos terreos do Porto ou alí onde as diferentes administracións queiran facer negocio co que é de todas e todos nós.
O roubo sen fin do Goberno Central e os seus colaboradores necesarios.
O que acontece agora nos terreos do Ministerio de Defensa é, como dicimos, un paso máis na carreira especulativa. Moita veciñanza lembrará aínda os terreos do cuartel de Zalaeta, que tamén foron no seu día obxecto dunha poxa pública, ou do cuartel de San Amaro. Todo para o lucro do Ministerio de Defensa e dos promotores inmobiliarios que sempre camparon e campan a eito nesta cidade.
Tampouco queda tan lonxe o pago que tivo que efectuar a Xunta de Galiza polas instalacións do antigo Hospital Militar, nun claro exemplo de compadreo político de costas aos intereses de todas as galegas e galegos, que pagaron do seu peto algo que debía ter un custe cero para as arcas autonómicas.
Mais non esquezamos que o Ministerio de Defensa é aínda titular de edificios e solares moi destacados na Coruña absolutamente infrautilizados e que deberían ser tamén cedidos ás administracións públicas local e galega. Como se explica, por exemplo, que o Cuartel de Atocha ou a Capitanía non teñan sido recuperadas para un aproveitamento social merecente de tal nome? Mais non é posíbel entender todo este espolio sen pensar en que dirixe e dirixiu esta política desde Madrid, que colaborou ou non fixo todo o preciso desde María Pita ou quen se lucrou desas vendas. Esa engrenaxe política e financeira que sempre dirixiu esta cidade e que o segue a facer.
Seguramente un caso que chegou con claridade á conciencia das xentes da Coruña é o da prisión provincial. Que o cárcere non fora cedido polo Ministerio do Interior é outro claro exemplo da política da terra queimada aplicada en tantos outro casos: abandonar un edificio, presionar política e mediaticamente para sacar o máximo lucro e ter en fronte a mínima oposición social e, mentres non se consegue, deixar morrer un edificio que debería ser patrimonio da cidade.
O porto como principal botín do espolio.
O Porto Exterior semella un buque á deriva embarrancado nos cantís de Suevos, moi lonxe do que podía ser un motor de emprego digno e de xeración de riqueza para a nosa comarca. Un porto cunha operatividade mínima e carente aínda de todas as infraestruturas necesarias para a súa posta en funcionamento e sen que os seus xestores e valedores, Autoridade Portuaria e Xunta de Galiza, fosen quen de atraer a novas empresas para ocupar ese miles de metros cadrados dispoñíbeis. Un porto que evidencia un fracaso do plan comercial internacional deseñado e levado a cabo pola Autoridade Portuaria; nada hai dos chineses de Beijing 3E, nin da mexicana Pemex, e o traslado de Repsol non poderá ser polo menos até o 2018.
Por outro lado, inícianse as operacións especulativas coa venta dos peiraos para contribuír ao financiamento do porto exterior. A Autoridade Portuaria xa anunciou a posta en venda dos terreos da Solana e o Hotel Finisterre e preparan a seguinte tallada sobre o pastel: a venda dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, dando así cumprimento implacábel ao deseño contemplado no convenio para a reordenación urbanística de determinados terreos do actual porto da Coruña que fora aprobado no seu día polo goberno municipal da Coruña, Xunta de Galiza, Ministerio de Fomento e Concello de Arteixo.
Hai luz verde polo tanto para a privatización dos 433.000 metros cadrados de dominio público, que se entregaran á especulación inmobiliaria para a súa edificación, tapando a fachada marítima da cidade e consolidando así un modelo urbanístico deseñado nos anos do vazquismo, unha cidade fundamentalmente de servizos, entregada ao sector inmobiliario e ás grandes áreas comerciais.
As últimas novas aparecidas sobre a posíbel compra total ou parcial de terreos por parte do Concello da Coruña ao Ministerio de Fomento e Portos do Estado implicaría que, de novo, sería o pobo coruñés que cargase ás súas costas con parte do custo para poder recuperar o que é propio, o noso porto, reeditando un novo capítulo que o Estado ten asignado a esta cidade como pagadores no espolio continuado.
Non se pode falar alegre e frivolamente do desmantelamento do actual porto da Coruña, un lugar de actividade comercial e pesqueira que xera unha importante riqueza para a nosa comarca e moitos postos de traballo, polo que hai que apostar pola súa promoción, e mesmo a creación de novas actividades e o mantemento daquelas que non podan ser desenvolvidas, dadas as súas características no porto exterior. Desde a CIG xa o dixemos no seu momento coas alegacións que fixemos ao novo PXOUM, que mentres non estean operativas as novas instalacións de Punta Langosteira estes terreos portuarios non poderán sufrir desafección e polo tanto novos e diferentes usos.
Hoxe, máis que nunca, imponse que o pobo da Coruña se mobilice contra o roubo do que a todas e todos nos pertence. Hoxe na Maestranza, mañá no Porto, sempre en toda a cidade, que é nosa e non de quen quere enriquecerse á súa costa.
[A Coruña, 4 de abril de 2016]