A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina reclama da Xunta actuacións en defensa do dereito humanitario

Anuncia a solicitude dunha reunión coa dirección da CRTVG para que explique a ocultación, durante máis dun ano, das mostras de solidariedade do pobo galego
Nacional - 24 Out 2024

A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina anunciou esta mañá, en rolda de prensa, que se dirixirá tanto ao Presidente da Xunta, como a Dirección da CRTVG para solicitar unha xuntanza e requirir explicacións polo “silencio e inacción” do goberno galego ante a gravísima situación en Palestina e o ocultamento da solidariedade nos medios públicos, nomeadamente na CRTVG. A Coordinadora reclama, cando menos, unha declaración institucional en defensa do dereito internacional ou do humanitario e anuncia novas mobilizacións para o día 4 de novembro en máis de 30 localidades galegas.

Neste sentido, a representante de Galiza con Palestina, Anxela Gippini, lembrou que vai un ano do inicio das mobilizacións en solidariedade co pobo palestino. Mobilizacións semanais ou cada 15 días “en denuncia do xenocidio non só en Gaza, senón en toda a Palestina e tamén en protesta pola extensión da ocupación e dos ataques en toda a rexión”.

Salientou, xunto a isto, o grande éxito da manifestación nacional convocada o pasado día 6 de outubro, que contou co apoio de case 200 entidades galegas asinantes, e con milleiros de persoas nas rúas de Compostela. Denunciou que, malia isto, non houbo unha resposta por parte do goberno da Xunta ás reclamacións da sociedade galega.

Unha falta de resposta diante da que Oscar Valadares, portavoz de Mar de Lumes, afirmou que “non entendemos como un ano despois do inicio do xenocidio, o goberno galego se pon de perfil e mira para o outro lado. Isto é unha causa da humanidade, non é unha causa só de Palestina, senón de toda a humanidade”.

Por iso denunciaron que a Xunta de Galiza “promove os intereses de Israel a nivel económico, cultural e diplomático” e reclamaron do Goberno galego que emita “unha declaración institucional baseada no dereito internacional ou no dereito internacional humanitario, que é o mínimo” e que, ademais, “leve adiante algún tipo de modificación sobre a acción do seu goberno” no sentido de revisar os acordos comerciais privilexiados con Israel.

Declaración que vén eludindo malia terse producido resolucións e declaracións das Cortes de Xustiza Internacional, de entidades como a ONU, ou de colectivos diversos, como o sanitario.

 Silenciamento nos medios públicos

Xunto a isto, Gippini denunciou que os medios de comunicación, sobre todo os medios públicos galegos, “levan todo este ano ocultando esta vaga de solidariedade con apenas información sobre todas estas mobilizacións e accións”. Unha “ausencia de información” pola que tamén van pedir unha reunión coa Dirección da CRTVG.

En nome da Asociación Galaico Árabe Jenin interveu Linda Ashour, que quixo agradecer o apoio amosado polo pobo galego e asegurar que todas as mostras de solidariedade coa causa palestina chegarán ás autoridades.