A contratación de Semana Santa non consegue nin achegar o emprego a febreiro de 2020, último mes antes do confinamento
O mes de marzo de 2020 iniciabamos un confinamento que provocou, para miles de persoas, a perda dos seus postos de traballo e para outras miles entrar en ERTE. Daquela producírase un importante incremento do desemprego, alcanzando as 174.861 persoas desempregadas, 8.632 máis que no mes anterior, o último de ‘normalidade’. Transcorrido un ano e malia este mes de marzo coincidir coa contratación vinculada á Semana Santa, en Galiza hai 6.087 persoas desempregadas máis que ao rematar aquel tráxico mes. Os datos constatan ademais o lonxe que está a situación actual do último mes de normalidade: febreiro de 2020.
O secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, considera que “a pandemia súmase aos efectos perniciosos da reforma laboral”. Unha lexislación que permite ás empresas recorrer a EREs e ERTEs sen control administrativo algún e mesmo modificar de forma substancial as condicións laborais deteriorando aínda máis as condicións de vida da clase traballadora. Por iso reclama a súa “inmediata derrogación”.
Evidénciase como nunca a inutilidade do diálogo social como ferramenta para superar esta situación
Denuncia ademais que “agora se evidencia como nunca a inutilidade do diálogo social como ferramenta para superar esta situación”. Xunto a isto advirte do uso que desde a Xunta de Galiza se lle vaia dar aos chamados fondos de recuperación polo escurantismo que rodea todo o relacionado con estas partidas; porque se descoñece que empresas se van beneficiar destes fondos ou a que proxectos se van destinar; as garantías de creación de emprego que levan vinculados ou se este será ou non emprego de calidade.
Os datos
O mes de marzo rematou en Galiza cunha media de 180.719, un 2,43% menos que no mes anterior (-4.509) pero 6.283 (+3,58%) máis que no mes de marzo de 2020. O descenso de persoas desempregadas produciuse en todos os sectores. En termos relativos o maior descenso deuse no sector de Construción, mais en termos absolutos, e como cabía esperar, a caída máis pronunciada deuse no sector Servizos. Un descenso de carácter estacional e que neste ano coincidiu ademais coa Semana Santa, o que permitiu que se repetira a tendencia de todos anos malia o atípica que é a situación neste intre.
O maior descenso produciuse nas provincias máis turísticas: Pontevedra e A Coruña. Pero de compararmos a situación co último mes de normalidade do ano pasado, en todas elas rexístrase un desemprego maior.
As mulleres, as máis castigadas
O secretario confederal de Emprego chama a atención a un feito que se vén evidenciando desde o inicio da pandemia e que, co paso dos meses, continúa asentándose: o peor comportamento do emprego no caso das mulleres.
Desde marzo do 2020 o medre do desemprego entre as mulleres practicamente duplica o dos homes
Neste sentido denuncia que “desde marzo do ano pasado o medre do desemprego entre as mulleres practicamente duplica o dos homes” e vincula esta situación ao tipo de contratación que padecen, “temporal, precaria e en sectores con peores condicións salariais”.
Contratación e afiliación á Seguridade Social
No que atinxe á afiliación a Seguridade Social, esta aumentou en termos semellantes ao descenso do desemprego. Mais con respecto a febreiro de 2021, son 13.620 as persoas afiliadas menos.
Canto a contratación, foron 67.698 os contratos rexistrados neste último mes en Galiza, dos que tan só o 13,6% se rexistrou baixo algunha das modalidades de contratación indefinida. Mantense polo tanto un alto nivel de temporalidade no mercado laboral.
Polo que respecta ás persoas en situación de ERTE, o último día de marzo, mantíñanse 34.759 persoas en Galiza nesta situación. A este respecto Cartelle reitera o perigo de que se transformen en despedimentos masivos de non se derrogar dunha vez por todas a reforma laboral.
O secretario confederal de Emprego denuncia que malia o tempo transcorrido o goberno do Estado segue sen cumprir co seu compromiso de rematar con esta lexislación laboral inxusta, máis alá dalgunha operación de maquillaxe, e considera que “só a mobilización poderá reverter esta situación”.