A CIG-Xustiza demanda melloras na sinalización e orientación ao público no edificio xudicial de Ourense

Denuncia que a reorganización da Administración trouxo cambios na distribución das unidades xudiciais que non viñeron acompañados dunha adaptación axeitada dos carteis
Ourense - 23 Nov 2026

O sector de Xustiza da CIG-Administración Pública vén de presentar un escrito diante da Dirección Xeral de Xustiza no que advirte das deficiencias existentes na sinalización e nos sistemas de información ao público do edificio xudicial de Ourense, tras a implantación da nova organización xudicial derivada da Lei orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro.

Dende a central sindical sinalan que a reorganización da Administración de Xustiza trouxo consigo cambios na denominación, organización e distribución das distintas unidades e seccións xudiciais. “Porén, estes cambios non viñeron acompañados dunha adaptación adecuada dos carteis, rótulos e directorios informativos do edificio”, segundo denuncian. 

A modernización da Administración de Xustiza debe ir acompañada dunha adaptación real dos espazos e dos sistemas de información

Unha situación que está a provocar confusión entre a cidadanía, que ten dificultades para identificar onde se atopan os órganos e servizos aos que precisa acudir. “A falta de información clara ocasiona desprazamentos innecesarios polas dependencias xudiciais e obriga as persoas traballadoras a atender continuamente consultas para orientar as persoas usuarias”, indican.

Desde a CIG-Xustiza consideran que a modernización da Administración de Xustiza debe ir acompañada dunha adaptación real dos espazos e dos sistemas de información. “Non é razoábel que a cidadanía teña que coñecer a estrutura interna da nova organización xudicial para poder localizar unha dependencia ou realizar unha xestión”.

Ao mesmo tempo, fan fincapé en que a reorganización xudicial non pode facerse ás costas das persoas usuarias nin do persoal. “A Administración ten a responsabilidade de garantir unhas instalacións accesíbeis, unha sinalización adecuada e unha atención ao público eficaz, evitando que a falta de información se converta nun problema engadido para a cidadanía e para as persoas traballadoras da Xustiza”, rematan.

Demandas a Xustiza sobre o edificio xudicial de Ourense
  • Revisión xeral de todos os carteis, rótulos e directorios informativos do edificio xudicial.
  • Substitución ou actualización da sinalización confusa, incompleta ou desfasada, incluídos os carteis improvisados elaborados polo propio persoal.
  • Instalación de directorios xerais nos accesos e nos puntos estratéxicos do edificio.
  • Incorporación de información que permita relacionar as antigas denominacións dos xulgados coa nova estrutura xudicial.
  • Garantía dunha orientación clara e autónoma para toda a cidadanía, sen necesidade de andar deambulando polo edificio para atopar a dependencia correspondente.
  • Información sobre as medidas que ten previsto adoptar a Administración para solucionar estas deficiencias.