CIG-Xustiza acusa a Xunta de enganar a cidadanía de Sarria ao afirmar que non se ía retirar o persoal de reforzo
A CIG-Xustiza alerta da saturación que vive o xulgado de Sarria pola falta de persoal suficiente para atender a elevada carga de traballo. A central nacionalista acusa a Xunta de Galiza de enganar a toda a veciñanza da comarca porque en decembro pasado asegurou publicamente que non se ía retirar o reforzo, pero semanas despois o xulgado quedou sen este persoal.
"A realidade é que hai máis de dous meses que hai dúas prazas neste órgano sen cubrir, co que isto implica de sobrecarga de traballo e atraso na tramitación dos expedientes", denuncia o secretario nacional da CIG-Xustiza, Óscar Freixedo, quen critica o incumprimento .
Explica que en marzo houbo un concurso de traslados e dende esa data unha das prazas do xulgado está vacante. Agora, dous meses despois, a Xunta aprobou a contratación dunha persoa para ocupar esa vacante, pero non autorizou a cobertura do reforzo que estaba sen cubrir.
Freixedo reclámalle á Xunta que proceda de inmediato a cubrir o reforzo e dote a todos os órganos xudiciais dos cadros de persoal necesarios para garantir unha administración de xustiza eficaz e rápida. E neste senso, lamenta que as vilas sigan a ser as grandes esquecidas pola Dirección Xeral Xustiza.