A CIG volve gañar as eleccións sindicais en Povisa e suma dous novos representantes

A central pasou de 6 a 8 delegados/as no comité do hospital privado vigués
Vigo - 29 Nov 2024

A CIG volveu gañar as eleccións sindicais no hospital Povisa de Vigo, aumentando a súa maioría ao sumar dous representantes. No proceso celebrado onte no centro médico privado pertencente ao grupo sanitario Ribera a central pasou de 6 a 8 delegados/as nun comité de empresa de 23 membros.

A candidatura da CIG foi a máis votada no colexio de especialistas, no que colleitou 184 apoios dun total de 345 (53,33%); mentres que entre o persoal técnico e administrativo quedou a tan só 14 votos do sindicato médico O’MEGA (a CIG contabilizou tamén 184 apoios, fronte aos 198 do sindicato corporativo). Neste colexio rexistráronse un total de 764 votos, dos que a CIG recibiu o 24,08% e O’MEGA o 25,92%. 

A central sumou 4 representantes en cada un dos dous colexios

De xeito que a central sindical obtivo 8 representantes: 4 de 7 no colexio de especialistas e 4 de 16 entre o persoal técnico e administrativo. O resto da representación sindical de Povisa complétana 4 delegados/as do sindicato médico O’MEGA (que perde 1 con respecto a 2020); 4 de CCOO (fica igual que no anterior proceso); 3 de UNENF (perde tamén 1 representante); 3 do SATSE (suma 2 delegados/as); e 1 da UGT (queda igual). A CUT, que se presentaba por primeira vez, non logrou representación.

Dende a sección sindical da CIG en Povisa agradeceron o respaldo recibido polo seu traballo sindical ao longo destes anos e salientaron que unha vez máis o cadro de persoal do hospital vigués “amosa co seu voto que confía no proxecto que representamos”. Ao tempo que anuncian que seguirán “na mesma liña” na defensa dos dereitos do conxunto das persoas traballadoras de Povisa “e para acadar as melloras laborais que todas merecemos”.