Colga os cascos! Mércores 13 de abril, folga nos centros de chamadas por un convenio digno
A CIG ten convocada unha xornada de folga no sector dos centros de chamadas para mañá, mércores 13 de abril, ante a falta de avances na negociación do convenio colectivo e a postura da patronal, que teima en recortarlle ao persoal dereitos que xa ten consolidados. A xornada de folga será de 24 horas e afectará a todos os centros de traballo de Galiza que se rexen polo convenio colectivo estatal de centros de chamadas.
No marco desta folga e para darlle máis visibilidade ás reivindicacións do persoal, a CIG tamén ten convocadas as seguintes concentracións:
- A Coruña, ás 11:30h, no Obelisco.
- Vigo, ás 11:30h, na farola de Urzaiz
- A Estrada, ás 11:30h, CIAG-061 (rúa da Cultura)
- Sarria, ás 11:30h, diante da empresa Inelcom (rúa Calvo Sotelo, 212)
As delegadas e delegados da CIG nos centros de chamadas animan a todas as traballadoras e traballadores a secundar esta xornada de folga e a loitar por un convenio digno, xa que despois de dous anos de negociacións sen avances e de ter os salarios conxelados, a patronal segue ofrecendo unha proposta económicas de miseria que non garante a recuperación do poder adquisitivo perdido e pretende, ademais, afondar na precariedade laboral do sector.
Neste senso, denuncian que mentres as empresas seguen a ter beneficios millonarios, o ano pasado o persoal empobreceuse "un 6.5% e en tres meses de 2022 levamos perdidos un 9%". De feito, a CIG que os cartos perdidos polo persoal en 11 anos, a causa das míseras condicións do convenio, ascenden a máis de 10.000 euros, nun sector altamente precarizado e no que os salarios están a piques de ser superados polo SMI.
Precariedade na contratación
A isto engádese a precariedade na contratación, con traballadores e traballadoras que teñen contratos de 15 horas semanais, concatenando ampliacións de xornada cando á empresa lle convén e "vivindo co medo de quedar sen a ampliación por coller unha baixa, facer uso dun permiso ou acudir a unha consulta médica".
Para máis abundar, a patronal puxo enriba da mesa un modelo de contratación temporal por circunstancias da produción que imposibilita a estabilidade laboral e un modelo de contrato fixo-descontinuo "que de “fixo” só ten o nome".
Pero ademais, o empresariado pretende aproveitar a negociación para eliminar os poucos dereitos acadados nos anteriores convenios: reducir os complementos de IT e as horas médicas, eliminar a xornada máxima de 39 horas semanais e referirse ao reparto mes a mes da xornada máxima anual de 1.764 horas, e a excedencia especial só fóra dos meses de verán e no período de nadal.
Por todas estas razóns, as delegadas e delegados da CIG chaman a todos os traballadores e traballadoras dos centros de chamadas a secundar esta xornada de folga, porque "xa é hora de que se recoñeza esta profesión. É hora de ter un convenio que valore o tempo que levamos dedicado a estas empresas e a nosa experiencia. Non pode ser que o máximo beneficio que acadamos sexa pasado un ano da entrada na empresa; non temos nin complemento de antigüidade, nin días libras adicionais. E a este paso, nin categorías imos ter, que imos cobrar polo SMI".
Vulneración do dereito á folga do persoal do 061
A CIG tamén quere denunciar a vulneración do dereito a folga do persoal da central de chamadas do 061, xa que a Consellaría de Sanidade decretou uns servizos mínimos do 100%. Esta non é a primeira ocasión na que se vulneran os dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores deste servizo, que presta a empresa Fidelis, senón que xa hai dúas sentenzas previas do TSXG (novembro de 2018 e xaneiro de 2019) que anularon sendas ordes de servizos mínimos por consideralos abusivos.
Por iso, a CIG presentou alegacións ao decreto asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para que rectificara e advertindo que, de manter os servizos mínimos do 100%, poderíase estar incorrendo nun delito de prevaricación.