A CIG solicita do Consello de Contas que investigue o contrato da CRTVG con Overon

Remitiu un escrito á dirección xeral o pasado día 9 de marzo sen obter resposta algunha
Nacional - 17 Mar 2023

A sección sindical da CIG na CRTVG vén de presentar perante o Consello de Contas unha solicitude para que este organismo investigue o contrato do ente con Overon, adxudicataria do Servizo de Produción e Transmisión de Sinal de Directos para a Corporación. 

A CIG xa denunciara, o pasado 27 de febreiro de 2023 que “non se sostén da perspectiva dunha xestión eficiente dos  recursos públicos” a decisión empresarial de prescindir dunha unidade de directos propia, na que recentemente se investiron 32.000 euros, e se manteña inalterado o contrato con Overon, xustamente porque é a insuficiencia de medios o que xustifica recorrer á contratación externa, como estabelece a Lei de Contratos do Sector Público.

A sección sindical da CIG remitiu ademais un escrito á Dirección Xeral, o pasado 9 de marzo poñendo no seu coñecemento un posíbel incumprimento contractual sen obter resposta algunha.

Considera que a prestación mesma do servizo obxecto do contrato está en cuestión. O secretario da sección sindical, Tiago Alvite, explica que cun orzamento base de licitación de 863.827,63 euros, Overon ten que pór a disposición da CRTVG catro equipos de traballo para cubrir as mañás, os seráns e as fins de semana e prestar o servizo simultáneo con dúas estacións transportábeis (DSNG) con dúas vías e unha vía de reserva por mochila 4G, e un servizo de dron con 12 voos cada ano de contrato, ademais do segmento espacial por satélite asociado, orzamentado en 174.937,26 euros.

Incumprimentos

Porén, sinala que “da análise das escaletas de produción dos días 1 de xaneiro a 28 de febreiro do presente ano e o visionado dos correspondentes espazos de programación, puidemos comprobar que Overon non prestou o servizo simultáneo con dúas DSNGs ningún dos 59 días observados; que en 19 días non puxo a disposición do servizo ningunha DSNG, sendo as mochilas 4G o único medio empregado e que na maioría dos TX2 prestou un único punto de conexión en directo”.

A prestación do servizo con mochilas 4Gpermiten aforrar os gastos de amortización e mantemento das DSNGs, estimados en 30.000 € anuais por cada unidade (máis o 21% de IVE), o salariodun operador de satélite que realiza os labores técnicos, estimado en 30.071,43 € anuais (33% de seguridade social incluído), o custo das vías por satélite asociado, ademais de peaxes e combustible e a parte proporcional dos gastos xerais -10%- e do beneficio industrial -6%-, entre outros.“Prescindir dun dos dous servizos de conexión en directo permite un aforro aínda maior, xa que tamén se evitan os custos do vehículo e o equipo ENG e o seu persoal (reporteiro/a gráfico/a e redactor/a”), matiza Alvite.

Desviación substancial

En definitiva, a sección sindical entende que se trata dunha desviación substancial que xustifica unha fiscalización da prestación do servizo de directos realizada por Servicios Audiovisuales Overon, S.L. para a CRTVG durante os anos en que leva actuando como adxudicataria do servizo, a fin de determinar se pode existir algún tipo de responsabilidade.

A sección sindical da CIG subliña que corresponde ao Director Xeral, no desempeño da dirección executiva da Corporación e como órgano de contratación da mesma, adoptar, realizar e executar cantos actos, actuacións e decisións sexan necesarios para esclarecer os feitosexpostos neste escrito e afastar calquera dúbida ou sospeita. Todo isto sen prexuízo das accións que esta sección sindical poida emprender noutras instancias.