A CIG-Servizos pide que INDITEX faga PCR a todo o persoal dunha tenda cando haxa positivos por covid
A CIG-Servizos demanda que ante a aparición dun caso positivo de covid-19 en calquera das tendas do Grupo INDITEX, a empresa faga PCR a todo o persoal desa tenda ou, cando menos a todo o persoal da quenda coa que compartiu espazo a persoa contaxiada durante os últimos catro días.
Así o explica a presidenta do comité de Zara, Carmiña Naveiro, que lembra que non se pode limitar o rastreo ás persoas que tiveron o contacto máis directo porque “se comparten espazos comúns: baños, taquillas, cociña ou zonas de descanso” e que a transmisión do virus pode ser tamén a través das superficies e non só polo aire.
A demanda da CIG responde a un recente caso de positivo por covid-19 nunha tenda de Lefties onde INDITEX se limitou a facer as probas a dúas das compañeiras directas da persoa afectada.
Segundo explica Naveiro a empresa cinxiuse ao que di o protocolo do SERGAS, mais entende que “un grupo como o de INDITEX non pode escatimar para facerlle as probas ao seu persoal aínda que vaia máis alá do previsto por Sanidade”. Asegura que para o persoal é importante porque suporía “ir traballar cunha garantía e, sobre todo, coa tranquilidade de que non poremos en risco nin a nosa saúde nin a da clientela”.
A representante da CIG sinala que, de se atender ás demandas da sección sindical, para a empresa implicaría facerlle os test a 6 ou 7 persoas da mesma quenda, en lugar de só aos 2 contactos máis directos. Entende que se non se fai é porque provocaría un confinamento temporal da metade do cadro de persoal dunha tenda. Mais denuncia que actuar deste xeito supón antepoñer a cuestión económica á saúde das persoas.
Para aclarar esta cuestión, a CIG xa se puxo en contacto, non só coa empresa, senón tamén co servizo de epidemioloxía do SERGAS.