A CIG-Servizos logra 5 de 5 representantes no comité da residencia DomusVi Fátima de Vigo
A federación de Servizos da CIG logrou a totalidade da representación no comité de empresa da residencia de persoas maiores DomusVi Fátima de Vigo nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar. O persoal do sector segue deste xeito a recoñecer co seu apoio maioritario a loita da central sindical para reclamar un convenio colectivo xusto e pola dignificación dos traballos de coidados.
No proceso que tivo lugar o pasado 26 de marzo, o primeiro que se celebra neste centro de traballo, a candidatura da CIG fíxose cos 5 representantes que se escollían, 4 no colexio de especialistas e 1 entre o persoal técnico e administrativo.
No primeiro colexio a central nacionalista foi a única organización que puido configurar candidatura, sumando 40 votos; mentres que no segundo competiu coa UGT, obtendo 8 apoios fronte aos 3 que sumou o sindicato estatal.
Este resultado avala a intenso traballo e a loita que está a desenvolver a central sindical para reclamar un convenio colectivo que mellore as condicións laborais do persoal do sector. Unha labor sindical que, tal e como insisten dende a CIG-Servizos, continuarán até dignificar os traballos de coidados.
Finalmente, dende a central agradecen a confianza depositada polo cadro de persoal DomusVi Fátima -integrado por 87 persoas- no proxecto sindical combativo, asembleario e de contrapoder que representa a CIG.