A CIG-Servizos baralla convocar protestas pola falta de avances no convenio de Hostalaría de Pontevedra
A federación da CIG-Servizos de Pontevedra anunciou hoxe que baralla convocar mobilizacións no sector hostaleiro ante a falta de avances nas negociacións do convenio provincial. Dende a central sindical reclaman unhas condicións laborais dignas para os arredor de 25.000 traballadores/as dun dos sectores con máis peso na economía da provincia.
O secretario comarcal da comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Iván Veiga, compareceu en rolda de prensa xunta a Aitor Maquieira, da CIG-Servizos, e delegados/as da central no sector para denunciar a actitude da patronal, “xa que despois de catro xuntanzas non sacamos nada en limpo”.
Os representantes sindicais lembraron que se trata dun sector “con xornadas que non acaban nunca e no que as horas extra non se pagan; no que se traballa seis días á semana, incluídos domingos e festivos; e no que non se poden coller vacacións, porque case todo o ano é temporada alta”.
A isto hai que sumar a importante perde de poder adquisitivo que padece o persoal, xa que a última suba de soldos foi en 2021. Dende entón o IPC acumula unha suba do 12,7%, “polo que ingresar un salario de 1000 euros, que é a media do sector, supón en realidade contar con 873 euros”. Por iso dende a CIG esixen que se valore o traballo “de camareiros/as, recepcionistas, camareiros/as de piso, botóns, etc”. Mais a única forma de facelo “é asinando un convenio colectivo digno”.
Neste senso, explican que o convenio caducou en decembro de 2021 e que as negociacións para renovalo comezaron a finais de 2022. “Pero tras catro xuntanzas non sacamos nada en limpo porque a patronal non ten interese en chegar a un acordo máis ou menos decente para os traballadores/as”, lamentan.
Ao mesmo tempo, censuran que o empresariado pretenda introducir no convenio o contrato fixo descontinuo a tempo parcial, o que afondaría na precariedade do sector. “Outra teima que teñen é a xornada, queren que as 1800 horas anuais de traballo sexan efectivas, e que se tes que ir ao médico/a ou coidar dun familiar o fagas fóra da xornada laboral”.
Proposta da CIG
A proposta da CIG contempla unha suba salarial vinculada aos IPC (6,5% en 2021 e 5,7% en 2022). “Non é unha demanda esaxerada, xa que estes índices non reflicten a verdadeira realidade da carestía da vida, que deixa o persoal do sector nunha situación límite”.
Tamén aposta por unha redución da xornada anual, pasando das 1800 horas actuais a 1720 horas, e por regular uns descansos semanais “que tampouco nos permiten conciliar a nosa vida laboral e familiar”. Outra pretensión da central sindical é a introdución de permisos retribuídos, que o actual convenio non contempla.
“Por iso lle pedimos á patronal que se tome en serio as negociacións, porque do contrario verémonos na obriga de convocar protestas”. Finalmente, sinalan que as conversas continuarán o vindeiro 13 de abril en Vigo ás 17:00 horas.