A CIG-Saúde reclama unha revisión técnica do centro de saúde da Guarda tras a caída do falso teito
A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de reclamar que se leve a cabo unha revisión técnica do centro de saúde da Guarda despois de que o falso teito da sala covid se viñese abaixo onte sen causar danos persoais. Ademais, esixe que se levan a cabo as obras necesarias para garantir a seguridade tanto do persoal como dos usuarios/as e pacientes.
Dende a central sinalan que afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais, “mais si danos materiais que supuxeron que a reparación se prolongase até altas horas da madrugada” e lembran que a situación de deterioro do centro de saúde ten sido denunciada polas canles oficiais diante da Xerencia de área sanitaria de Vigo, que asumiu a instalación hai dous anos.
Con anterioridade o edificio, inaugurado en 1993, era de titularidade do Concello “e víñase facendo o mantemento do indispensábel”. Pero malia as denuncias, as obras acometidas polo Sergas desde entón non teñen abordado todas as necesidades detectadas polas traballadoras/es do centro, “algunhas delas que supoñen, como foi neste caso, un risco grave para o persoal e os usuarios/as do centro”.
Finalmente, dende a CIG indican que as traballadoras/es do centro amósanse preocupadas/os por que unha situación semellante se poida volver a producir con consecuencias graves, “xa que momentos antes do derrubamento había persoal facendo uso da devandita sala”.