A CIG-Saúde non recoñece a interlocución da Xerencia da EOXI de Vigo no conflito da Atención Primaria
A federación de Saúde da CIG de Vigo trasladou na Comisión de Centro celebrada hoxe que non recoñece a capacidade da Xerencia da EOXI para negociar unha saída ao conflito da Atención Primaria, manifestando que os representantes deste oganismo “non son os interlocutores válidos”.
Dende a central lembran que teñen presentado diante da Xerencia diferentes propostas de medidas a tomar que non foron atendidas e que participaron activamente nos grupos de traballo que se constituíron no contexto do Plan estratéxico, colaborando na realización dun documento que regulaba a relación entre a Atención Primaria e a Hospitalaria, “sen que a Xerencia chegara a poñelo en marcha, alegando que ten até o 2021 para facelo”.
A resposta da Xerencia á dimisión dos xefes/as de servizo foi tan irrespectuosa que a fai perder toda credibilidade para solucionar o problema
Así mesmo, denuncian que a resposta que a Xerencia deu diante da Comisión de Centro ás dimisións de xefes/as de servizo e unidade “foi tan pouco respectuosa, negando a realidade evidente da frustración das e dos dimitidos/as e das e dos profesionais, que a fai perder toda a credibilidade para formar parte da solución do problema”.
Sinalan que a “insostíbel situación” da Atención Primaria da área sanitaria de Vigo, “na que os médicos/as de familia xa non poden dar máis de si”, ten compoñentes específicos desta área “que a Xerencia non quere recoñecer, polo que non pode aportar solucións”.
Resposta global
Ademais, inciden en que a situación require dunha resposta global ao conxunto da Atención Primaria que pasa por un compromiso político do máximo nivel para dotar de recursos humanos aos nosos centros de saúde e PAC. “Non podemos continuar dependendo de listas de contratacións. Negamonos a aceptar que a solución pase pola presenza de médicos/as de familia en paro que agarden por unha chamada do Sergas para traballar. A solución ten que pasar por incrementar os cadros de persoal estábeis dos centros e adaptar os cupos ás necesidades reais dos pacientes, cada vez máis complexas e que precisan máis tempo”.
Diante disto, consideran que chegou a hora de que a Administración asuma as súas responsabilidades de xeito inmediato. “O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade teñen que asumir a súa responsabilidade e o fracaso dunhas políticas sanitarias que provocaron situación e teñen que facer unha aposta decidida pola Atención Primaria, con medidas que permitan a dignificación do traballo dos e das profesionais”.
Principais propostas da CIG
-Recuperar as estruturas de xestión da Atención Primaria, con capacidade de xestionar orzamento e recursos humanos.
-Incrementar o orzamento dedicado á Atención Primaria de xeito que permita incrementar o número de profesionais con contratacións estábeis, cubrindo as necesidades reais con prazas estruturais e realizando unha Oferta Pública de Emprego do 100% das prazas realmente existentes, rematando cos efectos perversos da taxa de reposición. “As 57 prazas de medicina de familia ofertadas en toda Galiza son unha demostración máis da súa falta de respecto pola Atención Primaria”.
-Modificar as estruturas hospitalarias para que permitan que os e as profesionais da Atención Primaria se relacionen de xeito directo cos da Atención Hospitalaria, nun espazo de coñecemento e colaboración mutua, sen barreiras e con recursos que permitan respostas áxiles que eviten as actuais demoras non asumíbeis.
-Dar resposta satisfactoria ás demandas dos e das profesionais dos PAC ,que levan máis de seis meses de conflito e que, diante da pasividade da Administración, teñen convocada unha folga “que non é máis que un sinal de desesperación diante da súa incapacidade para dar resposta á atención continuada, ás urxencias e ás emerxencias que se producen”.
-Incrementar a capacidade docente, para o que é preciso coidar o persoal que se dedica a formar ás novas xeracións de especialistas, así como incentivar e prestixiar este traballo.