A CIG-Saúde denuncia que o servizo de Urxencias do CHUS volveu estar saturado

A falta de cadeiras de rodas e padiolas provocou este luns bloqueos na entrada e esperas de preto dunha hora
Compostela - 19 Ago 2026

A CIG-Saúde de Compostela-As Rías denuncia unha nova saturación nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o que provocou que o servizo se vise desbordado na quenda de tarde do pasado luns. A falta de cadeiras de rodas e padiolas provocou bloqueos na entrada de Urxencias con ambulancias, familiares e pacientes esperando cerca dunha hora para poder dispoñer dunha.

Dende a central sindical lembran que se trata dun servizo “que xa cronificou unha asistencia masiva cunha media próxima as 500 entradas diarias”. Ao que hai que engadir a falta de estabilidade nas cadros de persoal e o desmantelamento dunha Atención Primaria “que co aumento poboacional vese máis resentida na época estival, xunto coa carencia de camas na área sanitaria e os peches de camas que se fan todos os veráns por parte da Xerencia”. 

A central reclama as medidas urxentes oportunas e a planificación necesaria para impedir que estas situacións se repitan

Todo isto provocou que o luns se vivise outro episodio de colapso no servizo, con pacientes esperando no corredor preto dunha hora para ser colocados nunha padiola e ser atendidos; con até 45 minutos de espera para triaxe; e con agardas de máis de media hora por unha cadeira de rodas, “bloqueando incluso ambulancias que chegaban cos pacientes e non dispoñían de ningunha”.

Para a CIG-Saúde resulta “incomprensíbel” que un complexo hospitalario como o de Santiago non dispoña de cadeiras de rodas suficiente para facilitar o acceso das persoas con falta de mobilidade e se bloquee o uso das ambulancias por esta carencia “inxustificada”. Polo que lle exixe á Xerencia as medidas urxentes oportunas e a planificación necesaria, xunto coa xestión axeitada de recursos, "para impedir que estas situacións se sigan a producir na área sanitaria”.