A CIG-Saúde denuncia que o PAC de Vigo quedou cun médico/a menos por segunda vez nesta semana
A federación de Saúde da CIG denuncia que o PAC de Vigo volveu quedar este mércores día 23 de novembro volveu quedar cun médico/a menos na quenda de tarde por segunda vez nesta semana. Neste senso, amosa a súa preocupación porque a falta de persoal se converta nun problema habitual, máis cando na área hai varias vacantes sen cubrir.
Neste senso, advirten que a non oferta das vacantes que se xeran por traslados ou xubilacións poden empeorar cada vez máis a situación e lamentan que estas ausencias de facultativos/as obrigaron ter que asumir o traballo con só tres médicos/as. “Algo de especial gravidade nun momento coma este de aumento da demanda asistencial debido ás infeccións respiratorias”, sinala a secretaria comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Pilar Rodríguez.
Estas ausencias son de especial gravidade co aumento da demanda asistencial debido ás infeccións respiratorias
Por outra banda, trasladan a súa inquietude polo feito que unha persoa allea ao PAC e que no pasado ten sido fonte de conflito lograse colarse no centro durante a fin de semana. “Por iso sorprende que cando os incidentes violentos se suceden en varios centros sorprende que a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo decidise retirar ao remate do verán a seguridade contratada no PAC”.
En consecuencia, reclaman máis medidas de protección ante as situacións de violencia e “ocupación” de espazos privados dos centros. “Vemos necesario que se retome a contratación da seguridade do PAC de Vigo, medida que se podería exportar a outros centros como o PAC de Cangas, que foi noticia recentemente por varias agresións”.